Saltar ao contido

A proposta parte de Ecoloxistas en Acción e Extintion Rebelion, e rexeita as prospeccións mineiras no fondo mariño polo seu grave impacto no ecosistemas e na pesca

O Pleno da Deputación tamén aprobou hoxe unha moción a prol da derrogación  da Lei Mordaza de Rajoy

Todos os grupos representados da Deputación Provincial da Coruña aprobaron hoxe unha declaración institucional contra a minería submarina, unha práctica que ameaza con espallarse e que ten un grave impacto nos ecosistemas dos fondos mariños e na pesca de proximidade. Esta iniciativa política foi trasladada pola Marea Atlántica, a partir dunha iniciativa de Ecoloxistas en Acción e Extintion Rebelion.

“A prospección mineira submarina ten un impacto enorme, libera gases de efecto invernadoiro e substancias tóxicas como metais pesados que alteran ecosistemas que aínda non coñecemos ben, e destrúen a biodiversidade. Tamén pon en risco os caladoiros de pesca de baixura, e podería reducir ata un 15 % as capturas da frota galega no Océano Pacífico e o 10 % na dorsal do Atlántico”, advertiu o noso voceiro provincial, Alberto Lema.

Deste xeito, na declaración institucional ínstase ao goberno do Estado a que prohiba a minería submarina nas súas augas territoriais, e a que defenda ante a Autoridade Internacional dos Fondos Mariños (ISA) unha moratoria da minería submarina ata que se teñan estudado e investigado suficientemente os seus efectos no medio e as actividades humanas, escoitando e integrando ás  organizacións ambientais e pesqueiras nas delegacións españolas. 

Hai un interese crecente pola explotación de recursos minerais no leito mariño, que mesmo chega ata as augas continentais galegas, ao que hai que poñerlle freo canto antes. Por iso celebramos que a Deputación expresase o seu rexeitamento a estas prácticas, como xa fixeron o Parlamento Europeo, a Comisión Europea, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), o Consello Consultivo da Frota Comunitaria de Longa Distancia (LDAC) WWF, Greenpeace, Fauna & Flora International, Ecoloxistas en Acción e Deep Sea Coalition, entre outros organismos. E mesmo empresas como Google, BMW, Volvo, Philips ou Samsung subscribiron unha chamada conxunta para unha moratoria sobre a minería de augas profundas.

Pola derrogación da Lei Mordaza

Doutra banda, o noso grupo levou ao Pleno provincial unha moción a prol da derrogación da Lei Mordaza de Mariano Rajoy, iniciada polo goberno do Estado coa presión e o apoio de boa parte do arco parlamentario, pero que se está a atopar unha campaña en contra promovida pola dereita. A iniciativa foi aprobada cunha emenda do PSOE.

A Lei  de Seguridade Cidadá, coñecida como Lei Mordaza, ataca dereitos fundamentais como a liberdade de expresión, de reunión e de información, tal e como teñen sinalado Amnistía Internacional, a ONU e o Consello de Europa. Derrogala é unha obriga democrática. 

Ademais, o abuso desta normativa ten permitido persecucións e abusos de autoridade totalmente inxustificables, coma o que está a sufrir o veciño de Santiago de Compostela, Chema Naia, a quen se acusa sen probas dunha agresión ás forzas de seguridade, pola que pode ser condenado a catro anos de cárcere.

A Deputación da Coruña aproba unha declaración institucional contra a minería submarina, impulsada pola Marea Atlántica