Saltar ao contido

Alberto Lema: “A pesca é motor económico e de emprego, soberanía alimentaria, identidade, cultura, patrimonio e sostén de comunidades en Galicia”

O grupo provincial da Marea Atlántica vén de rexistrar unha moción en defensa do sector pesqueiro ante a grave crise de combustible e subministros que se está a vivir. Por iso, reclamamos que as institucións escoiten aos colectivos profesionais e poñan en marcha un plan de axudas de emerxencia dirixido á xente do mar. Levarémola ao vindeiro Pleno da Deputación, o venres 25 de marzo, na procura dun apoio maioritario.

O noso voceiro provincial, Alberto Lema, afirma que “a pesca é un motor económico e de emprego en Galicia, unha actividade de soberanía alimentaria, identidade, cultura, patrimonio e sostén de comunidades costeiras, que conta, ademais, na nosa cidade, cun dos seus principais centros de actividade como é a Lonxa, a primeira do estado en facturación de peixe fresco”. Só na costa cantábrica-noroeste, a pesca supón 12.000 postos de traballo directos e uns 48.000 indirectos. 

Nestas datas, o encarecemento do combustible e as consecuencias da invasión militar rusa sobre a Ucraína están a golpear con dureza á frota pesqueira, xa ameazada por circunstancias como a mala planificación da enerxía eólica mariña. 

E a isto súmase a paralización de boa parte do transporte por estrada desde o luns 14 debido á folga de transportistas, algo ao que a pesca é moi vulnerable polo carácter perecedoiro dos seus produtos. Fronte a esta situación, as administracións públicas non poden quedar cruzadas de brazos. 

Por iso, na moción instamos aos ministerios de Transición Ecolóxica e Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana; á Xunta de Galicia e á Consellería do Mar a tomar as medidas precisas para garantir o mantemento da actividade pesqueira en Galicia. 

Reclamamos na Deputación un plan de axudas de emerxencia destinadas ao sector pesqueiro