Cun único deputado provincial rexistramos case o 40% das mocións debatidas no Pleno durante o ano pasado
Alberto Lema: “Non estamos nas institucións para figurar, senón para defender o interese das maiorías sociais e darlle voz as loitas colectivas”
A Marea Atlántica foi o grupo que máis mocións presentou e defendeu no Pleno da Deputación da Coruña en 2021, segundo o Informe Anual da Actividade Plenaria publicado pola propia institución provincial. Así, o noso voceiro na Deputación, Alberto Lema, rexistrou un total de 20 iniciativas ao longo do ano, fronte as 19 do PP, 6 do PSOE, 4 do BNG (ás que hai que sumarlles 5 mocións conxuntas de ambos grupos) e 3 de Alternativa dos Veciños.
Así, a Marea Atlántica, cun único representantes provincial, presentou o 38% das mocións debatidas no Pleno, máis ca o Partido Popular con 13 representantes, e case o dobre que os partidos que sosteñen ao goberno, que suman un 20%. Como sinala Alberto Lema, “nós non estamos nas institucións para figurar, senón para defender os intereses das maiorías sociais e darlle voz as loitas colectivas, e iso seguiremos a facer”.
Propostas pendentes de se cumprir
Entre as propostas políticas que rexistramos o ano pasado está a posta en marcha dun plan para atender ás persoas migrantes desde a Deputación, e un estudo da titularidade das estradas provinciais, para cederlles aos concellos aquelas que atravesen os seus centros urbanos, que aínda seguen pendentes de cumprirse por parte do goberno.
Tamén impulsamos, entre outras cuestións, a defensa dos postos de traballo e a continuidade da fábrica de aluminios da Coruña, Alu Ibérica, a prol da Sanidade Pública e do emprego digno no Servizo de Atención no Fogar, polo control dos macro parques eólicos e o seu impacto no territorio, o saneamento dos perigosos residuos contaminantes da mina de Touro, ou para que a Orquestra Sinfónica de Galicia reciba os máis de cinco millóns de euros que lle debe a Xunta de Galicia.