Alberto Lema preguntou tamén ao goberno provincial polas mellora na estrada provincial DP-3504 no Concello de Mugardos, prometidas en 2017 e aínda pendentes
O voceiro da Marea Atlántica na Deputación, Alberto Lema, presentou este 13 de setembro, no Pleno da institución provincial unha moción que reclama unha maior prevención e inspección dos riscos laborais despois da morte dun traballador da construción en Novo Mesoiro o 3 de setembro, nun accidente que deixou tamén un ferido grave. O noso deputado provincial tamén sumou o seu apoio á declaración institucional que amosará apoio á loita contra a deslocalización das empresas auxiliares de R.
A moción, aprobada por todos os partidos agás o PP, sinala que o avance do último informe do Ministerio de Traballo sinala que Galicia é a comunidade do Estado Español co maior índice de accidentes laborais durante o primeiro semestre de 2019: 0,403 por cada 100.000 traballadores, o dobre que a media estatal (0,207). Nestes seis meses, producíronse en Galicia 262 sinistros no traballo, dos que 238 foron graves e 24 mortais.
Polo tanto, a moción reclama que a Deputación da Coruña inste ao Goberno do Estado á derrogación da reforma laboral de 2012 –culpable de gran parte da desprotección– e ao reforzo da Inspección de Traballo en Galicia, e ao goberno da Xunta a incrementar o investimento para a formación en prevención de riscos laborais no Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia.
En defensa dos postos de traballo de R na Coruña
Doutra banda, sumámonos á declaración institucional en apoio da Deputación aos cadros de persoal das empresas auxiliares de R Cable na Coruña, ameazadas pola deslocalización de servizos a Asturias. Comezou xa co despido de 18 persoas en Comfica, pero todo apunta a que a curto prazo afectará a outras firmas como Colabora, Indra, Plexus… Nin R Cable, nin a súa propietaria Euskaltel, están a atender as demandas de reunión coa representación sindical.
Por iso, a declaración institucional, análoga á moción que se debateu hoxe no Concello da Coruña, insta ao goberno provincial a amosar un apoio expreso “ás xustas reivindicacións dos traballadores e traballadoras das empresas auxiliares que prestan servizos de mantemento de rede e atención ao cliente de R Cable” para garantir que estes postos de traballo fiquen na Coruña. Ademais, pídese que a Deputación medie para que R Cable e Euskaltel senten a negociar dunha vez coa representación do cadro de persoal.
Tamén se aprobou como declaración institucional o apoio da Deputación á #EmerxenciaFeminista declarada polos movementos sociais para o 20 de setembro, despois dun verán negro marcado pola violencia machista. Só no mes de xullo, unha muller foi asasinada cada dous días. En total, 19 feminicidios que amosan que non podemos seguir a normalizar as agresións.
Promesa incumprida en Mugardos
No apartado de preguntas orais, o deputado Alberto Lema pediu explicacións polos atrasos no proxecto de reforma da estrada provincial DP-3504, que une as parroquias de Maniños e A Pedreira, no Concello de Mugardos.
En 2017, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso prometeu ampliar o vial ao seu paso polo núcleo do Penedo, ao carón da planta de Reganosa. A día de hoxe, nada se sabe desta promesa incumprida, quedando no aire unha demanda da veciñanza mugardesa.