Saltar ao contido

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, sinalou que “o Partido Popular emprega unha estratexia dilatoria para que non se demostre, de novo, que as súas acusacións son falsas”

Tras o arquivo da denuncia no caso da compra de vivenda, o PP fai un lamentable uso da Xustiza con fins electoralistas

A Marea Atlántica desexa manifestar, unha vez máis, a súa absoluta confianza no traballo desenvolvido pola concelleira de Participación, Claudia Delso, en todo o proceso encamiñado a abrir o antigo cárcere provincial á cidadanía. Hoxe coñecemos con incredulidade a decisión do Partido Popular de persoarse como acusación particular na investigación que está a levar a cabo un xulgado da Coruña, e que partiu dunha denuncia do propio PP na Fiscalía, co claro ánimo de ensuciar a boa reputación do goberno local. Debido a esta manobra, adíase o chamamento a declarar de Claudia Delso, previsto para o 1 de marzo.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, sinalou que “estamos ante unha nova argucia procedimental do PP, que fará o ridículo unha vez máis, como xa o fixo no asunto do concurso de compra de vivenda, onde a Fiscalía lle dixo claramente que non había indicios de corrupción”. Ferreiro engadiu que “na súa desesperación, e prevendo o arquivo da causa unha vez que declarase Claudia, emprega unha estratexia dilatoria para que non se demostre unha vez máis que as súas acusacións son falsas”.

De novo, a súa única estratexia é difamar para tratar de convencer á xente de que a Marea Atlántica é equiparable ao o único partido político europeo condenado por lucrarse a través dunha trama corrupta.

 

Un uso lamentable da administración de Xustiza

“O PP busca estratexias xa non para evitar perder as eleccións, senón para que non os adelante ningún dos outros partidos da dereita. Están a facer un uso lamentable da administración de Xustiza, que non está para estratexias electorais. Agardo que Claudia poida ir declarar canto antes, para demostrar, de novo, o que a xente da Coruña xa sabe: non somos iguais”, concluíu Xulio Ferreiro.

Esta decisión non é máis que a enésima manobra sucia do PP. Evidencia o seu nerviosismo. Está desesperado e pretende conseguir mediante as mentiras o que sabe que non vai poder acadar nas urnas. Por iso, a escasos días da convocatoria electoral, decide dar un novo paso nun proceso xudicial que non ten percorrido.

 

En lugar de pedir perdón, continúan a difamar

Un capítulo máis que se produce dúas semanas despois de que a Fiscalía Provincial da Coruña decidise arquivar, sen presentar querela, as dilixencias abertas tras outra denuncia do PP sobre supostas irregularidades no concurso de adquisición de vivenda pública. Un proceso posto en marcha polo goberno local co obxectivo de aumentar o parque público de inmobles destinado a ofrecer alternativas habitacionais dignas á veciñanza con mais dificultades.

No canto de pedir perdón tanto ao goberno local por difamalo como á cidadanía por enganala, o PP non só non recúa, senón que dá un paso máis cara ao seu afundimento, e se agarra ao proceso aberto co antigo cárcere provincial. En lugar de desculparse ante a xustiza polo seu enésimo intento de utilización, decide ir máis alá. En vez que traballar a prol da cidadanía, facilitando, por exemplo, a aprobación dun orzamento municipal que daba respostas a moitas das necesidades nos barrios, prefire desprestixiar A Coruña e os seus representantes. Traballen pola cidade, non contra a cidade.

Na campaña electoral, a cidadanía pediralle ao PP que lle diga que pode facer por ela. Se continúa por este camiño, non terá ningún argumento que dar. Só poderá mentir e difamar, no canto de propoñer solucións ás demandas da xente. Mal camiño.

A denuncia do PP no caso do cárcere é un síntoma de desesperación