Saltar ao contido

Perguntaremos no Pleno polo número de solicitudes e axudas directas concedidas a pemes e autónomos. A maioria non viron aínda un euro, pese ao que os o prazo de solicitude está aberto desde o 7 de xullo.

Nunha situación na que cada día se perden postos de traballo, esta demora é moi grave e esixe unha solución urxente

O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou dúas preguntas de resposta escrita cara o vindeiro Pleno, relacionadas co número de axudas solicitadas dentro do plan de choque contra a crise do coronavirus. Ante a falta de transparencia do goberno socialista sobre os resultados desta iniciativa impulsada co apoio do conxunto da Corporación, empregaremos os dereitos da oposición para coñecer cantas axudas para pemes e autónomos foron solicitadas e cantas concedidas desde a tardía entrada en vigor do chamado Presco.

Logo de realizar xuntanzas con diversos sectores económicos, atopamos que a maioría das empresas e persoas autónomas non recibiron aínda un só euro das axudas que solicitaron. Nunha situación na que se perden postos de traballo cada día, esta demora é moi preocupante e esixe unha solución inmediata.

O PSOE non escoitou as advertencias

Dende o comezo avisamos que o plan de choque ante a crise sanitaria, social e económica que estamos a vivir chegaba con atraso. Non foi ata o 1 de xuño que o goberno levou ao Pleno o modificativo de crédito necesario, e non foi ata o 7 de xullo que os sectores máis afectados puideron solicitar as axudas directas. Agora, semella, a tramitación está lonxe de ser eficiente e os fondos públicos non chegan a quen os precisa.

Do mesmo xeito, xa no mes de marzo sinalamos que o reforzo do persoal municipal e a creación dunha xanela única para informar á veciñanza eran cruciais na correcta e rápida xestión das axudas. Lamentablemente, o goberno municipal negouse a escoitar.

A maioría das empresas non cobraron aínda un euro das axudas do Concello