O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña realizou hoxe un percorrido polo porto en compañía de Martiño Noriega, ex-alcalde de Santiago e voceiro nacional de Anova
Martiño Noriega: “Non entendemos outra forma de representar o municipalismo na Coruña que non sexa a Marea Atlántica, sempre no compromiso cunha cidade máis aberta á veciñanza”
O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, realizou hoxe un percorrido polos peiraos interiores xunto co voceiro nacional de Anova, Martiño Noriega, xunto coa voceira e o vicevoceiro municipais da nosa organización, María García e Iago Martínez, o voceiro provincial, Alberto Lema, integrantes da nosa candidatura nas municipais e representantes de Anova A Coruña activas na Marea. Neste percorrido, reivindicaron a apertura dos peiraos á veciñanza, polos que por fin é posible camiñar sen necesidade de hipotecar o Concello no pago dunha débeda millonaria.
“Conseguimos que se fixese realidade o que sempre defendeu a Marea Atlántica e o que reivindicaron moitas persoas en anos de mobilización. Por iso, no vindeiro mandato, cando volvamos ao goberno, darémoslle á integración dos peiraos na cidade e á democratización dos seus usos o grande impulso que o goberno de Inés Rey non é capaz de darlle, un camiño no que coincidimos ao 100% con Anova e coa súa militancia”, afirmou Xan Xove.
Pola súa banda, Martiño Noriega, tamén ex alcalde de Santiago con Compostela Aberta, sinalou que “Anova ten, desde 2015, as súa casa Marea Atlántica, e non entendemos outra forma de representar o municipalismo na Coruña”, E engadiu que a Marea traballa “desde o compromiso cunha cidade aberta para a veciñanza, dinámica no social e dinámica no cultural, un compromiso que representa moi ben Xan Xove”.
Cambio de fase na cuestión portuaria
É o momento de avanzar e abrir unha nova fase, agora que todos os grupos políticos agás o PP mudaron a súa postura cara o sentido común e defenden que non é lóxico cargar as arcas municipais coa débeda das obras do porto exterior (e así quedou claro no pleno do mes de febreiro).
Como lembrou o noso candidato, “foi a Marea Atlántica a que impediu, facendo valer os seus votos, que Inés Rey enterrase 15 millóns de euros en mercar solo público nuns peiraos que xa están a ter uso público, e será a Marea Atlántica quen liderará a transformación do bordo litoral da Coruña”.
Ademais, os datos amosan que a situación económica da Autoridade Portuaria da Coruña é positiva, e así o recoñeceron tanto o seu presidente, Martín Fernández Prado, e o de Puertos del Estado, Álvaro Dapena. Polo tanto, chega a hora de derrogar definitivamente os convenios asinados en 2004 e o seu modelo de formigón, e facer do porto máis cidade sen descoidar o seu peso económico, tal e como defendemos na recente visita á lonxa.
“Se a Xunta do PP está ansiosa por investir nos peiraos, que o faga para constituír un consorcio público, no que tamén deben participar o Estado, o Concello e a Autoridade Portuaria. Para que, por fin, tras décadas de loitas e mobilizacións veciñais, A Coruña gañe o seu porto”, concluiu Xan Xove.