A este ritmo, o goberno local superará as cifras de contratos menores de 2020, ano que xa pechou co volume máis alto desde que hai rexistros: 2.700 contratos opacos por un importe total de 10,4 millóns
O importe medio destes contratos no segundo trimestre de 2021 foi de case 2.800 euros, un 54% que no último ano de goberno da Marea Atlántica
A Marea Atlántica denuncia que o goberno de Inés Rey segue a bater marcar de contratos menores, outorgados a dedo, que non deixan de medrar trimestre tras trimestre neste mandato. Entre abril e xuño de 2021, asináronse 640 contratos de este tipo, sen concurso público, por un importe total de 1,78 millóns de euros: iso é un incremento do 168% en tan só tres meses, segundo os datos oficiais do Concello. “Cifras esaxeradas para un mecanismo da contratación opaca que a Unión Europea recomenda reducir”, explica Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica e representante na Comisión de Transparencia.
A este ritmo, o goberno municipal baterá a marca histórica de fondos para contratos a dedo en María Pita. Unha marca que este mesmo goberno estableceu en 2020, con máis de 2.700 contratos deste tipo e 10,4 millóns, un 69,5% máis ca no anterior. Nunca se acadaran semellantes cifras desde que temos datos homoxéneos, desde a entrada en vigor da nova Lei de Contratos do Sector Público na primavera de 2018, que modificou o límite deste tipo de facturas e fixo obrigada a súa publicación trimestral.
No segundo trimestre de 2021, o importe medio dun contrato menor foi de 2.791 euros, un 53,86 % máis que no 2018, o último ano completo do mandato de Xulio Ferreiro. Desde que Inés Rey entrou en María Pita, asináronse 5.370 destes contratos opacos, que suman un total de 16,1 millóns de euros.
Un goberno moi pouco transparente
En xeral, o goberno de Inés Rey ten un problema coa transparencia, que segue aí pese ao que intenten ocultar con informes a medida. A web Onde van os meus impostos, que servía para que a veciñanza coñecese a distribución dos investimentos municipais, leva todo o mandato conxelada, nun grave paso atrás en canto a información fiscal.
A axenda da alcaldesa non está operativa nin se actualiza: está completamente en branco para esta semana e as vindeiras. Non se publican as sentenzas xudiciais que afectan ao Concello desde a primavera de 2019. A sección de contratos formalizados na web municipal leva desactualizada desde outubro de 2019. Non se amosan as asignacións económicas aos grupos municipais (aos que se lles pechou o acceso ao portal), nin a relación de convenios urbanísticos…
Ademais, Inés Rey débelle á Corporación Municipal un informe anual sobre transparencia, correspondente a 2020, tres informes semestrais sobre publicidade institucional e catro informes trimestrais sobre contratación pública, comprometidos en outubro de 2019.