Saltar ao contido

Reclaman o proxecto da nova biblioteca, melloras na futura pista de patinaxe e atención aos danos en zonas verdes, parques infantís e mantemento das rúas, entre outros problemas do barrio


A concelleira da Marea Atlántica Silvia Cameán mantivo esta semana unha xuntanza con representantes da Asociación Veciñal de Novo Mesoiro, para escoitar as súas demandas e propostas sobre as necesidades do barrio que permanecen sen resposta por parte do goberno local. Na procura desas respostas, Cameán comprometeuse a trasladar unha batería de preguntas escritas no vindeiro Pleno, para que o equipo de Inés Rey renda contas ante a veciñanza. 

Deste xeito, a AVV reclama que se invistan os fondos previstos no Orzamento 2022 para redactar o proxecto dunha nova biblioteca municipal en Novo Mesoiro, froito o acordo entre o goberno local e o grupo da Marea Atlántica e da boa acollida do punto de lectura creado no pasado mandato.

“Trasladáronnos o seu malestar xeral co mantementos das rúas, zonas verdes e parques infantís, que acumulan desperfectos en distintos puntos do barrio. Novo Mesoiro é un barrio en crecemento e que merece moita máis atención da que se lle está a dedicar desde o goberno”, sinala Silvia Cameán.  

Na xuntanza falamos tamén do novo corredor verde, inaugurado recentemente, pero con algunhas deficiencias. A AVV solicita que se retiren as pedras decorativas situadas ao carón do parque infantil, que están soltas e supoñen un problema de seguridade. Esixen tamén que se sitúe un valado ou outro tipo de separación física na parte alta do corredor, para impedir que os coches aparquen irregularmente. Foi unha das condicións que puxeron as veciñas que asinaron a cesión do terreo. 

Melloras nos equipamentos deportivos

Reclaman tamén melloras na pista de patinaxe, que está pendente de inaugurarse pero que xa conta con problemas á vista: ten desprendementos de terra desde un dos laterais e conta só cun pasamáns simple para separala da rúa, en lugar de ter paneis de seguridade. Para ofrecer mellor servizo, tamén sería necesario dotala de cuberta para que poida usarse nos días de chuvia. Deberían atenderse estas demandas antes da inauguración da pista. 

Dentro dos equipamentos deportivos, as representantes veciñais denuncian tamén o mal estado do céspede no campo da Fundación Johan Cruyff, e lamentan que a súa proposta dunha pista de skate non fose tida en conta nos Orzamentos Participativos. En realidade, varias das iniciativas que impulsou esta AVV foron rexeitadas por motivos técnicos por parte do goberno, nunha convocatoria cidadá que debería ser máis aberta. 

Escolas infantís e atención sanitaria

A Asociación Veciñal sumouse tamén aos colectivos que lle demandan ao goberno de Inés Rey a ampliación da gratuidade das escolas infantís ata as oito horas diarias, as mesmas que están a prestar os centros autonómicos e os privados que subvenciona a Xunta. É un traballo que xa se debería ter feito para o inicio deste curso

Finalmente, piden coñecer os motivos polos que o camiño detrás do Centro de Saúde do barrio permanece pechado. Alén das responsabilidades municipais, a veciñanza de Novo Mesoiro denuncia, con toda a razón, a falta de persoal sanitario, pois a Xunta de Galicia non cubre as baixas e deteriora cada día máis a atención primaria. Hai dúas prazas de matrona e unha de pediatría sen cubrir, nun dos barrios con máis menores de idade da Coruña. 

Trasladaremos estas, e outras cuestións comentadas, a través de preguntas de resposta escrita dirixidas ao goberno local, ás que ten a obriga de contestar. 

O goberno local ten que responder ás demandas veciñais de Novo Mesoiro