A Marea Atlántica insta ao goberno local a defender o modelo de Nostián ante o Estado e procurar unha alianza metropolitana para resolver os problemas da planta de residuos
Reclamamos que se convoque a Mesa de Alcaldías da Área Metropolitana para recuperar o diálogo
Estamos a tempo de defender o modelo de recollida húmido-seco, vixente na actualidade, porque mellora a recuperación de materiais, os ingresos e a ocupación do espazo público
Xan Xove: “Nun mandato, Nostián pasou da mellora á parálise. Iso non se vai resolver apurando un contrato que renuncia ao modelo actual e que non se negociou con ninguén”
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e o noso candidato á alcaldía, Xan Xove, valoraron en rolda de prensa os graves problemas que se están a dar na xestión de residuos da Coruña e na renovación do contrato da planta de Nostián. “Por iso, instamos a Inés Rey a protexer o modelo de Nostián, convocar as Mesas de Alcaldes e Alcaldesas da área metropolitana, comezando pola de residuos, e procurar unha alianza para defender o modelo húmido-seco demostrando a súa eficiencia diante do Ministerio de Transición Ecolóxica. Abandonar este modelo pode supoñer perder varios millóns de euros en ingresos pola recuperación de envases”, argumenta Xove.
“Nun mandato, Nostián pasou da excelencia á parálise. A solución non é apurar un anteproxecto redactado a última hora, e no que se renuncia a un modelo exitoso só para evitar amosar catro anos perdidos”, sinalou o candidato. Xove denunciou que “despois de tres anos e medio, o contrato da planta de tratamento de residuos de Nostián, o maior do Concello, segue en prórroga forzosa, coa plantilla en pé de mobilizacións, coas instalacións deteriorándose e cos concellos da Mancomunidade das Mariñas enterándose do que pasa pola prensa. Ademais, o vertedoiro de rechazos está sen selar e ainda non se lle reclamaron á empresa os 10 millóns que cobrou de máis, para asombro do interventor municipal, que o ten sinalado nos seus informes”.
“O partidismo sempre é malo, pero moi especialmente nun tema crucial como o tratamento do lixo”, lamentou o candidato á Alcaldía. O goberno local prometeu moitas veces que se sentaría a falar tanto cos grupos da oposición como coa Mancomunidade das Mariñas antes de poñer sobre a mesa un contrato de 17 anos e 334 millóns de euros, pero iso non aconteceu. Como lembrou Xove, Inés Rey recibiu en 2019 uns pregos practicamente listos para licitar a concesión de Nostián, cun convenio de contratación conxunta coa Mancomunidade das Mariñas, e cun acordo coa plantilla para facela copartícipe do éxito na recuperación de material, pero escolleu rexeitalos e empezar de cero. Tres anos e medio despois, constatamos un empeoramento na situación da planta.
O sistema húmido-seco recupera o triplo de materiais.
Pola súa banda, María García, insistiu na necesidade de manter o modelo de Nostián e en que o goberno local está a tempo de “elaborar un estudo serio de custos e beneficios cos resultados da recuperación de materiais na man, comparando os dous modelos. O obxectivo é que o Ministerio de Transición Ecolóxica coñeza a realidade da Coruña antes de que se aprobe o Real Decreto que agora está en fase borrador. “É importante dar a batalla con datos serios e rigorosos, polas desfavorables consecuencias que tería o cambio de modelo a nivel ambiental, económico ou mesmo no referente á ocupacion do espazo público”
Cos datos na man, a separación húmido-seco (tamén chamada orgánico-inorgánico) é un sistema tres veces máis eficaz que o de cinco contedores. Con datos de 2018 A Xunta recupera en Sogama 21kg por habitante e ano, mentres que A Coruña chegaba aos 60-62 kg/habitante e ano, un dato que, por certo, se oculta na web de Ecoembes.
Isto significa, ademais, que poderían baixar de case nove a tres millóns de euros anuais os ingresos pola recuperación de envases en Nostián, que se reparten entre o Concello da Coruña, a Mancomunidade das Mariñas.
“Preocupanos tamén o incremento do canon a pagar polos municipios, que pode chegar a duplicarse: está agora nos 45-50 euros anuais (aproximadamente 70 euros por tonelada se temos en conta os custos de xestión do rechazo que agora non se pagan) ata os 104 euros por tonelada sen contar taxas que se mencionan no estudo de viabilidade, ainda que este dato sexa contraditorio co que aparece no anteproxecto que agora está a exposición pública”.
Abandono das políticas de Residuo Cero
O anteproxecto para o tratamento do lixo non define o destino dos rechazos non aproveitables e delega esa decisión na futura concesionaria. “Con todo, o peor é que no que levamos de mandato desapareceron as medidas e programas de prevención e redución de residuos para minimizar os rechazos na planta”, sinala María García. Hai prestacións que se están a pagar no contrato vixente de recollida do lixo e non se implementan, coma a compostaxe doméstica e a compostaxe comunitaria, as recollidas específicas a grandes produtores coma os comedores, o porta a porta para a hostalería ou, desde logo, as campañas de concienciación para que non decaia a colaboracion cidadá.
O abandono da xestión de residuos neste mandato contrasta co que fixo o goberno de Xulio Ferreiro, que logrou mellorar a recuperación de materiais en Nostián nun 30% entre 2015 e 2018, logrando ingresos de 9 millóns de euros anuais, como xa se dixo.
E froito dese mellor funcionamento da planta, medrou tamén a xeración de electricidade a partir do biogás, pasando de 90 a 230 quilovatioshora por cada tonelada de materia orgánica, un incremento do 250%.