Saltar ao contido

María García: “Alcoa é unha multinacional que se beneficiou da venda da empresa pública Inespal, recibiu millóns de euros en axudas e marchou cando a conta de beneficios deixou de ser tan abultada como lle gustaría. Non se pode consentir”

O grupo municipal da Marea Atlántica vén de propoñerlle hoxe a toda a Corporación do Concello a lectura dunha declaración institucional no próximo Pleno, en apoio aos cadros de persoal das fábricas de aluminios de AluIbérica, na Coruña, e Alcoa, en San Cibrao. Deste xeito, a nosa voceira María García trasladoulle aos demáis grupos políticos un texto no que se solicita a intervención das factorías por parte do Estado e a investigación da venda das instalacións do polígono de Agrela, primeiro ao fondo suízo Parter e logo ao Grupo Industrial Riesgo, sospeitosa de vulnerar os acordos sobre o mantemento do emprego e a produtividade. 

“Alcoa é unha multinacional que se beneficiou da venda da antiga empresa pública Inespal, recibiu millóns de euros en axudas e de súpeto marchou cando a conta de beneficios deixou de ser tan abultada como lle gustaría. Desde as institucións non se pode consentir”, sinala María García. E engade que “por iso pedimos que o Concello da Coruña se posicione cos traballadores e traballadoras, en defensa do emprego e contra a cobiza”. 

O texto da Declaración Institucional proposto pola Marea Atlántica sinala que “a produción de aluminio na Coruña é unha actividade viable economicamente e mesmo rendible, aínda a pesar dos erros na xestión que deron lugar á falta de suministros e ao peche temporal da factoría”.

A desastrosa situación da fábricas de aluminios da Coruña e Avilés, e a de alúmina de San Cibrao, é herdanza directa das políticas de desregulación e privatización do goberno de Aznar, da venda de Inespal e do descontrol do sector eléctrico, que están a ter terribles consecuencias. 

Hai 400 postos de traballo directos en xogo na Coruña, case un milleiro na Mariña e milleiros de empregos indirectos afectados. Se as fábricas seguen abertas hoxe é grazas á mobilización social liderada polos seus cadros de persoal, con pouco ou ningún apoio directo das dúas administracións competentes: o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia. 

A Marea Atlántica propón unha declaración institucional en apoio aos cadros de persoal de Alu Ibérica e Alcoa, e en defensa do emprego industrial