Presentámoslles aos grupos municipais o rexeitamento dos actos e discursos de odio e o compromiso coas políticas de diversidade sexual a través dunha declaración institucional
A Marea Atlántica vén de presentar unha proposta de Declaración Institucional para que o Pleno condene o seu brutal asasinato, e rexeite os discursos de odio e os episodios de LGBTIQfobia que se están a producir na nosa cidade e no conxunto do país. Foi aceptada por todos os grupos e será lida ao comezo da sesión.
No texto, condénase a violencia que rematou coa vida de Samuel Luiz Muñiz o pasado 1 de xullo, nun ataque que aínda está a ser investigado, pero que está claramente alimentado polo odio, ofrecendo condolencias á súa familia e amizades.
Do mesmo xeito, condénase toda forma de LGBTIQfobia e discurso do odio contra colectivos vulnerables, e maniféstase o compromiso coa igualdade real e contra a discriminación, que debe demostrarse con políticas públicas reais.
Agardamos que todos os grupos con representación no Concello da Coruña estean de acordo, e así poidamos expresalo no vindeiro Pleno.
Proposta de Declaración Institucional Xustiza para Samuel
En 2021, cúmprense 43 anos da despenalización da homosexualidade no Estado español e 16 da aprobación da Lei do Matrimonio Homosexual. Camiñamos cara a igualdade, pero a actualidade está a poñer en evidencia o moito que aínda queda por camiñar, e o fráxiles que poden ser as conquistas que non se defenden.
A Coruña é unha cidade aberta, tolerante e que se posiciona pola defensa dos dereitos universais e concretamente do colectivo LGTBIQ. Mais por desgraza, estamos a comprobar que malia todo se siguen producindo agresións intolerables e discriminación por motivos de identidade sexual.
No conxunto de España, os discursos de odio, violencia e desprezo á diversidade están a atopar altofalantes. En Europa, países coma Hungría e Polonia están a perseguir as persoas LGTBIQA+ e aprobar leis que atacan a diversidade sexual. No mundo, a homosexualidade está perseguida e penada coa morte en ducias de países.
Por todo o sinalado, e porque os dereitos que non se defenden, desaparecen, os distintos grupos políticos que conformamos esta Corporación:
1.- Condenamos rotundamente calquera tipo de violencia vinculada á identidade sexual dunha persoa, e en concreto a violencia exercida contra o colectivo LGTBIQ
2.- Manifestamos o noso compromiso coa defensa dos dereitos das persoas, a igualdade real, a non discriminación das persoas LGTBIQA+, comprometéndonos a articular, dende o ámbito municipal, as medidas que sexan necesarias poñendo os recursos precisos
3.- Rexeitamos toda forma de LGTBIQfobia e todo discurso de odio contra colectivos vulnerables, e comprometémonos a traballar para desterralo da nosa sociedade.