Saltar ao contido

Convidamos á veciñanza a sumarse ás manifestacións convocadas hoxe polo Día do Orgullo, lembrando o brutal asasinato de Samuel Luiz Muñiz, cometido hai case un ano

Propoñemos que o goberno local poña en marcha un plan de medidas de Igualdade destinadas a combater o odio e a discriminación contra as persoas LGBTQI+

A Marea Atlántica trasládalles ao resto dos grupos da Corporación Municipal da Coruña unha Declaración Institucional cara o vindeiro Pleno, na que se plasma o compromiso do Concello cos dereitos do colectivo LGBTQI+, o apoio ás mobilizacións neste Día do Orgullo e a conmemoración do primeiro aniversario do brutal asasinato de Samuel Luiz Muñiz, acontecido o 3 de xullo de 2021 na nosa cidade. Agardamos que esta proposta reciba apoio unánime e poida ser lida ao comezo do Pleno do 7 de xullo, tal e como se fixo na Deputación da Coruña, o pasado día 23 de xuño, e a instancias da Marea Atlántica. 

Nun contexto no que están a aumentar os discursos de odio e as agresións ás persoas que viven cunha sexualidade non normativa, un odio que se materializou coa súa peor cara no asasinato de Samuel, desde a Marea Atlántica sumámonos ás mobilizacións convocadas no día de hoxe por ALAS, Amizar, Avante LGBT+, Abrir Fenda e outros colectivos, e pola Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans, Bisexuais, Intersexuais e máis, baixo o lema  “Fronte ao odio: Visibilidade, Orgullo e Resistencia”. Un lema co que as institucións tamén deben comprometerse, para protexer os avances sociais en materia de igualdade e diversidade. 

Políticas públicas contra o odio e pola diversidade

Deste xeito, e a maiores da declaración institucional, reclamamos que o Concello da Coruña cumpra cos acordos asinados para a aprobación dos Orzamentos 2022 relativos a políticas públicas de igualdade, e poña en marcha un plan de medidas destinadas a combater a discriminación e o odio contra as persoas LGTBQI+ no ámbito laboral, social, sanitario… Un paquete de medidas que debería comezar por colaborar cos axentes sociais da cidade e os colectivos cidadáns para facer unha diagnose da situación. 

Neste plan teñen cabida iniciativas como un protocolo de resposta fronte a delitos de odio, medidas de protección das persoas trans menores de idade durante o seu desenvolvemento, impulsar espazos formativos sobre diversidade sexual e levar a cabo campañas de sensibilización e información sobre a diversidade sexual, a identidade de xénero e a loita contra a discriminación en todos os ámbitos. 

Tamén instamos á Xunta de Galicia a desenvolver as medidas necesarias para protexer os dereitos das persoas LGTBQI, amosando unha posición inequívoca contra os discursos e os delitos de odio.

Propoñemos que o Concello se comprometa cos dereitos do colectivo LGTBQI+ cunha declaración institucional unánime