Saltar ao contido

Rexistramos unha proposta de Declaración Institucional para amosar o apoio unánime da Corporación da Coruña ás actividades do Día Internacional da Muller

O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou esta mañá unha proposta de Declaración Institucional con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, para ser lida no próximo Pleno Ordinario do Concello da Coruña. Procura apoio de toda a Corporación á loita das mulleres polos seus dereitos, pola igualdade e contra o machismo que aínda onte asasinou a unha muller en Moraira (Alacante).

No texto, recóllese a denuncia do feminismo contra a “desigualdade estrutural asentada e sostida polo sistema capitalista e patriarcal cuxo obxectivo é obter beneficios para uns poucos a custa das persoas máis vulnerables, que rematan por ser as mulleres en toda a súa diversidade: migrantes, racializadas, trans, con diversidade funcional, novas e maiores.

Ao fío do 8M, a nosa propostas de Declaración Institucional tamén recolle que “en todo o mundo, as mulleres cobran entre o 75% e o 85% do que gañan os homes polo mesmo traballo”, que “no Estado español o traballo invisible que as mulleres dedican ao coidado e á reprodución social alcanza o 53% do PIB, cando debería ser atendido a través dos servizos públicos” ou que “a práctica da interrupción do embarazo non está garantida para todas as mulleres”, entre outros motivos para sumarse a mobilización mundial do 8 de marzo.

Apoio e compromiso coa loita feminista

Por iso, propoñemos que o Concello da Coruña acorde apoiar todas as accións que se desenvolvan no Día Internacional da Muller, facilitando a súa celebración e achegando medios materiais, ao tempo que se pendura a bandeira feminista da fachada do pazo de María Pita. Tamén impedir que na programación municipal existan actividades sexistas, eliminar a publicidade discriminatoria ou denigrante para as mulleres nos soportes de titularidade municipal e dotar de recursos económicos ás asociacións deportivas que non discriminen por razóns de sexo.

“Hoxe, o feminismo segue a ser imprescindible para reverter a desigualdade, loitar contra a intolerancia e o odio e transformar a sociedade. Dende a Corporación municipal queremos animar ás veciñas e veciños a participar nos actos que se leven a cabo”, conclúe a nosa proposta de Declaración.

 

8M: a Marea Atlántica propón una Declaración Institucional en apoio á loita das mulleres