O grupo Municipal da Marea Atlántica critica que a visita do ministro Ábalos á cidade, en lugar de deixar compromisos, só servise para dar marcha atrás no proxecto da Intermodal
Se Inés Rey ten liña directa coa Moncloa, como asegura, debe empregala para que avancen cuestións como a débeda da Autoridade Portuaria, as conexións ferroviarias ou a humanización da Avenida de Alfonso Molina
O grupo municipal da Marea Atlántica reclamoulle hoxe ao goberno de Inés Rey a convocatoria dun Pleno Extraordinario para debater as moitas contas pendentes do Ministerio de Fomento coa cidade da Coruña e a súa área metropolitana e realizar unha reclamación conxunta de todas as forzas políticas da Corporación. “Precisamos mandar unha mensaxe unánime e reclamar avances en proxectos clave que dependen de Fomento, porque como escribía hai poucos días Xulio Ferreiro, A Coruña merece todo o respecto”, asegurou a nosa voceira municipal, María García.
“O ministro José Luis Ábalos estivo o venres na cidade, e nin se reuniu coa alcaldesa nin trouxo ningún avance nin deu explicacións polos novos atrancos que ADIF pon na licitación da Intermodal, a pesar de que Inés Rey e Javier Losada anunciaran en xuño do ano pasado que xa estaba todo listo”, engadiu García. Unha das promesas de Inés Rey na campaña fóra “engraxar” as relacións co Estado e achegar solucións milagreiras, pero agora amósase incapaz de conseguir nada en solitario.
Proxectos clave que acumulan atraso
Do Ministerio de Fomento dependen proxectos tan importantes como a condonación da débeda da Autoridade Portuaria, tal e como se vai facer en Valencia, para evitar que hipoteque o futuro da nosa fachada marítima. Falamos da conexión ferroviaria ao Porto Exterior, fundamental para o futuro económico da comarca e para liberar os peiraos interiores. Da mellora dos trens de proximidade a Lugo e Ferrol, propios da era do vapor. Da humanización da avenida de Alfonso Molina, onde existe un proxecto consensuado pero que leva anos enterrado nos caixóns. E da pasarela de Pedralonga, necesaria para as seguridade viaria.
Por todos estes motivos, María García reiterou a necesidade de convocar un Pleno Extraordinario, para enviar á Moncloa unha reclamación conxunta do Concello da Coruña e para que Inés Rey poida trasladar a información que posúa sobre o estado de todos estes proxectos pendentes.