Xulio Ferreiro: “A Marea non propón só un debate senón moitos; levámolo tempo dicindo mentres Negreira calaba á espera de que Feijóo lle dese a orde de debater ‘pero só un pouco’”

O candidato á alcaldía da Marea Atlántica lembra que leva “varias semanas acudindo a debates con outras listas aos que o PP foi convidado pero non acudiu”; insiste na disposición da súa candidatura a debater “con todas as forzas” e lamenta que “Negreira non pareza disposto a un debate a dúas bandas coa Marea enfronte”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, reiterou a “total disposición” da plataforma cidadá que encabeza “a debater de forma pública con todas as forzas que se presentan ás eleccións municipais” do 24 de maio. Ferreiro lembrou que “a transparencia, a participación e o diálogo son valores que definen á Marea, que, entre outras moitas razóns, naceu tamén para rematar coa opacidade e escurantismo que caracterizan desde hai anos aos gobernantes desta cidade”.

O cabeza de lista da Marea Atlántica destaca que, a instancia dunha radio local, leva “varias semanas debatendo con outros candidatos e candidatas, nunha cita semanal á que tamén se lle convida ao PP e o señor Negreira, que nunca acudiron”. “Despois de negarse a debater, de non dar explicacións serias sobre casos tan graves como a Pokémon ou de aplicar a censura nos Plenos, hoxe o señor Negreira decidiu simular unha especie de ofrecemento a un único e limitado debate ao tempo que facían o mesmo outros candidatos do PP nas cidades galegas, o que significa que Negreira só se atreve a debater cando llo manda Feijóo, sempre que sexa só un pouco, posto que pretende un debate restrinxido”, indica Xulio Ferreiro.

“A Marea Atlántica acepta ese debate pero imos moito máis alá. Non queremos un e pechado, senón moitos debates, todos os que faga falta e con calquera forza. Non lle poñemos cancelas á democracia senón que queremos profundar nela, algo que seica incomoda ao señor Negreira”, afirma Ferreiro, que mesmo propón “distintos formatos, como debates a dúas bandas”, aínda que “lamenta” que “Negreira non pareza nada disposto a participar nun debate a dúas bandas comigo”.