Saltar ao contido

María García sinalou hoxe, no debate de Radio Coruña, que o goberno de Inés Rey non ten unha soa política de vivenda que non sexa impulsada pola Marea Atlántica

En febreiro, o alugueiro medio na Coruña chegou aos 582 euros, o máis caro de Galicia. A suba acumulada é do 43% en oito anos

María García, voceira municipal da Marea Atlántica, participou este domingo no debate de Radio Coruña, no que as catro forzas políticas con representación en María Pita e que teñen opcións de goberno no vindeiro mandato analizaron o problema da vivenda na cidade, na que é imposible alugar. “En decembro de 2021 asinamos co PSOE un acordo polo dereito á vivenda, con boas políticas para afrontar o problema, pero cun mal goberno que non soubo executalas. Isto cambiará a partir do 28 de maio, cando a Marea Atlántica volva ao goberno municipal con Xan Xove”, explicou María García.

A nosa voceira aclarou que “na vivenda non valen solucións máxicas, é un problema complexo e non se resolve agardando a que os promotores fagan chover vivenda protexida dentro de 20 anos”. É urxente actuar, porque en febreiro o alugueiro medio na Coruña chegou aos 582 euros, segundo datos do Observatorio de Vivenda da Xunta de Galicia, cunha suba acumulada do 43% en oito anos.

Neste contexto, é importante que o Concello actúe e aproveite ao máximo as súas capacidades urbanísticas. “Debemos usar o urbanismo para que a xente viva mellor e teña acceso a vivenda asequible, non para que as promotoras gañen cartos coma en Visma. Necesitamos un goberno, non unha xestoría inmobiliaria”, resumiu García.

Medidas e traballo, non solucións máxicas

No  acordo de vivenda, que sumaba 9 millóns de euros nos Orzamentos de 2022 e que chega ao fin de mandato case sen executar, concentrábanse unha batería de medidas que non chegaron a executarse por completo.  E as poucas que están en marcha son, de feito, as únicas políticas de vivenda do goberno de Inés Rey.

  1. Construción de vivenda pública en Marqués de Pontejos (que está en marcha) e en Xuxán (da que nada se sabe).
  2. Ampliar a bolsa de vivenda de EMVSA, creada pola Marea Atlántica no pasado mandato, para que non chegue só a xente en risco de exclusión social, senón tamén á mocidade e á xente maior. Segue pendente.
  3. Compra de vivendas e inmobles para aumentar o parque de vivenda pública do Concello. Nin sequera se convocou o concurso.
  4. Regulación dos pisos turísticos, que non paran de medrar. Xa temos 755, segundo datos oficiais da Xunta, fronte a pouco máis de 400 vivendas dispoñibles para aluguer habitual.  En xaneiro mesmo presentamos unha proposta executiva concreta para afrontar o problema, e a alcaldesa impediu que se debatese.

Finalmente, García lamentou que a Lei de Vivenda non rematase de arrincar no goberno do Estado, mentres a Sareb non cede un só piso para usos sociais na Coruña. A Xunta, que tamén é competente en vivenda, leva décadas sen facer nada mentres agora, en precampaña, anuncia coma un fito 40 vivendas en Xuxán,  cando hai 1.468 persoas demandantes de vivenda protexida só na cidade da Coruña.

 

A Marea Atlántica fará do “aluguer asequible” unha prioridade do goberno local no próximo mandato