Saltar ao contido

O candidato á Alcaldía pola Marea Atlántica participou hoxe no debate electoral da CRTVG e lembrou que “agora ninguén se presenta á Moncloa nin a San Caetano, escollemos o futuro da Coruña e as respostas que o Concello pode dar aos retos da cidade”

Xove estará esta tarde na praza das Conchiñas, nun mitin arroupado por Xulio Ferreiro e Martiño Noriega, referentes do municipalismo galego

Xan Xove, candidato da Marea Atlántica, fixo hoxe un chamamento a “non deixar que nos rouben o debate das eleccións municipais, a non renunciar á oportunidade de falar dos retos da cidade e das solucións que podemos darlle desde o Concello. Porque este 28 de maio ninguén se presenta á Xunta nin á Moncloa. Este 28 de maio, escollemos A Coruña”. 

O candidato fixo este chamamento a enfocar os problemas locais durante o debate electoral emitido esta mañá na Radio e a Televisión de Galicia, despois de que o PP e o PSOE iniciasen o seu habitual cruce de responsabilidades entre o Estado e a Xunta. Ante isto, Xove lembrou que a cidade se xoga moito, que ten retos decisivos por diante, e diso toca falar nesta campaña.

“Temos que escoller se queremos unha cidade solidaria, que aborde o problema da vivenda con todos os recursos municipais, ou se queremos deixalo todo en mans do mercado inmobiliario. Temos que escoller se aproveitar a oportunidade de ter unha empresa pública de transporte ou se nos atamos outros 20 anos a unha compañía privada aínda peor que a anterior. Temos que escoller se apostamos pola transición ecolóxica e as novas tecnoloxías como oportunidade de futuro, ou se volvemos ao urbanismo dos anos 90. E temos que escoller se queremos un porto aberto ou un couto privado á beira do mar”, explicou Xan Xove. 

Nesta liña, o candidato lembrou durante o debate as nosas propostas de crear en 2024 unha empresa municipal de transportes, pública e intermodal, que xestione o bus, BiciCoruña e os aparcadoiros sen a tutela do beneficio privado. E de construír 250 vivendas en Xuxán en terreos municipais, crear un banco de alugueiro para a mocidade e poñer en marcha o Plan Revive para que a rehabilitación de vivendas se destine a pisos para vivir, entre outras medidas. Desde a Marea Atlántica temos claro que é o momento de escoller A Coruña. 

Xan Xove tamén sinalou que a decisión unilateral de Inés Rey de gobernar en solitario levou a un mandato “decepcionante”, e fixo un chamamento a mudar a situación a partir da maioría progresista que se configurará este 28 de maio. “Estou dedicado a ter os mellores resultados para a Marea Atlántica nestas eleccións, e teño claro que estamos en 2023 e que as fórmulas do pasado non serven. Temos que abrir unha nova etapa para darlle á cidade as solucións que precisa, e a chave desa nova etapa vai ser a Marea Atlántica”. 

Durante o debate, o noso cabeza de lista tamén trasladou o seu apoio ás traballadoras e traballadores da TVG que, dentro do movemento ‘Defende a galega’ levan 260 Venres Negros denunciando a manipulación e o secuestro dos medios públicos por parte do Partido Popular. 

Alfonso Molina: Un proxecto vello para un anuncio electoralista

Doutra banda, o candidato da Marea Atlántica valorou tamén a licitación das obras de Alfonso Molina, ás que se referiu como unha mestura de “erro e de uso partidista das institucións”. Para Xan Xove, “é triste comprobar que o que se precisaba para que avanzase o proxecto era unha foto de Inés Rey e o delegado do goberno en plena campaña electoral. Así se entende o lentas que van algunhas obras estratéxicas para a cidade”. 

En todo caso, lembrou que o que se licita para Alfonso Molina é “un proxecto vello, que non dá resposta á mobilidade actual”. “En pleno 2023 non se pode vender como un éxito un proxecto que só pensa en meter máis coches. Por que non podemos usar solucións innovadoras? Por que non se teñen en conta carrís reversibles, carril VAO, ou a conexión cos barrios? O que nos traen agora é un proxecto moito peor que o que pacto Xulio Ferreiro en 2016 co Ministerio de Fomento”, conclue o noso candidato á Alcaldía. 

Mitín municipalista esta tarde na praza das Conchiñas

Xan Xove estará esta tarde, ás 19h, nun mitin na praza das Conchiñas, no que tamén participarán, entre outros, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega. Así, os ex-alcaldes e principais referentes do espazo municipalista en Galicia trasladaranlle o seu apoio á candidatura da Marea Atlántica na Coruña. O acto contará tamén con María García, voceira municipal da Marea, e as candidatas Bea González de Canales (número 2), enfermeira na sanidade pública, e Ana Louzán (número 14), fundadora da ONDG Viraventos moi ligada ao barrio. A cita rematará co actuación dos Kibbis.

Así, amosarase o respaldo do municipalismo galego á Marea Atlántica e o seu candidato. Desde a súa experiencia, os ex-alcaldes representan a política de proximidade, que é a que importa nunhas eleccións municipais, nas que se decide o cercano. Nas que será o momento de escoller A Coruña.

Xan Xove: “Que non nos rouben o debate das eleccións municipais: este 28 de maio, temos que escoller A Coruña”