Saltar ao contido

Os alcaldes Xulio Ferreiro e Jorge Suárez participaron nunha mesa redonda para esixir un tren digno entre as dúas cidades, organizada por Ferrol en Común. “Pódese facer con pouco investimento, só falta vontade política”, dixo Ferreiro.

Tamén estiveron o expresidente da Xunta, Fernando González Laxe, a concelleira de Mobilidade de Ferrol, María González Lemos, e o representante da Plataforma en Defensa do Tren, Alberto Díaz.

A liña de tren entre A Coruña e Ferrol quedou atascada na era do vapor. O trazado da vía é o mesmo, literalmente o mesmo, que hai cen anos, sen ningunha mellora desde 1913. Hai case dous anos que se asinou a Declaración Institucional polo Eixo Ferroviario Ferrol -A Coruña, apoiada por todos os concellos polos que pasa esta liña férrea e máis pola Deputación Provincial. Nada se fixo desde entón.

Para denunciar a situación, Ferrol en Común organizou o 13 de decembro unha mesa redonda para reivindicar un tren digno, na que participaron os alcaldes da Coruña e Ferrol, Xulio Ferreiro e Jorge Suárez, o expresidente da Xunta, Fernando González Laxe, a concelleira de Mobilidade de Ferrol, María González Lemos, e o representante da Plataforma en Defensa do Tren, Alberto Díaz.

photo_2018-12-13_20-51-04Xulio Ferreiro foi moi claro: “Os informes do Eixo Atlántico sinalan que, con pouco investimento, poderíase mellorar moito a liña Ferrol-A Coruña. Se non se fai é por falta de vontade política. O goberno de Mariano Rajoy foi tempo perdido na mellora do ferrocarril e agora me preocupa que Pedro Sánchez non estea a avanzar“.

O alcalde da Coruña engadiu que “o transporte por ferrocarril é básico para ter ecosistemas urbanos sostibles e áreas metropolitanas competitivas. Que as nosas cidades estean conectadas polo Eixo Atlántico axuda a acadar obxectivos de eficiencia, desenvolvemento económico, sustentabilidade, articulación do territorio e eficiencia enerxética. A liña A Coruña-Betanzos-Ferrol é clave en todo isto”.

Vertebración atlántica

O potencial do ferrocarril como eixo vertebrador do territorio vai moito máis alá. O tren ao Porto Exterior de Punta Langosteira, fundamental para a competitividade da dársena coruñesa no tráfico de mercadorías, leva anos de atraso e continúa sen compromiso de investimento.  Ademais de Ferrol, Lugo é a outra gran esquecida nas redes ferroviarias galegas, conectada pola Coruña cunha liña que non supera os 75km/h de media, e que precisa tamén renovación para ser competitiva.

No mesmo sentido, hai pouco que se coñeceu a inclusión da liña Vigo-Porto no Corredor Atlántico ferroviario da UE, resolvendo o inexplicable esquecemento de Galicia no plan inicial e deixando en evidencia aos gobernos galego e español. Pero non abonda. O corredor completo A Coruña-Lisboa debe formar parte da rede básica, esencial para vertebrar a costa atlántica e contar con financiamento europeo, e a cuestión aínda non está resolta en Europa.

Unha débeda histórica

“Temos un tren de 1913, que non se tocou dende entón. O único avance foi un estudo de 600mil euros para facer un AVE entre Ferrol e A Coruña, e nunca máis se soubo. Durante moitos anos Ferrol estivo a marxe da vertebración do territorio. O tren favorecería o intercambio social e económico entre A Coruña e Ferrol. Pero estamos igual que hai 105 anos”, afirmou Jorge Suárez.

Para o alcalde ferrolán, o tren é “unha infraestrutura básica para o noso territorio pero todas as iniciativas e promesas do goberno central quedaron no caixón.Cada 6 meses temos reunións con técnicos de Feve e o avance máis importante en 2 anos é que se tapizaron por dentro 2 locomotoras”.

O tren fai máis competitivos os portos

photo_2018-12-13_20-19-48 (2)

Fernando González Laxe, representante do Foro Económico Social e expresidente da Xunta de Galicia, explicou que “Ferrol e A Coruña son cidades portuarias e o tren está totalmente ligado aos portos, xa que son lugares de recepción de mercadorías. Porén, España é o país que menos utiliza o tren para o transporte mercantil. Falta proxecto e falta estratexia”.

Laxe, un experto na materia, argumentou que “os economistas están en contra do AVE, porque non é rendible. Pola contra, os metapoliticos defenden que debe de haber una estación de AVE en cada capital de provincia. Non é así, o noso esforzo debe centrarse en mellorar a rede ferroviaria de cercanías e mercadorías”.

O tren, un transporte de moito potencial e poucos apoios

Neste sentido, María Fernández Lemos, concelleira de Urbanismo e Mobilidade de Ferrol, sinalou que na súa cidade “o plan é crear unha nova estación intermodal, que recolla tanto o bus como o tren, e que sería unha magnífica oportunidade para renovar o trazado. Ese sería o comezo para facer do tren unha opción atractiva para a cidadanía, unha opción máis barata é que contamina moitísimo menos que o tráfico rodado. Só hai que rebaixar os tempos”.

Da sua banda, Alberto Díaz, da Plataforma en Defensa do Tren, denunciou que o 70% do orzamento destinado ao ferrocarril vai parar á alta velocidade: “só o 30% dedícase ao mantemento das liñas de cercanías, e así están”. “As dúas empresas públicas, Renfe e Adif, teñen unhas condicións de traballo precarias, recortes de persoal e privatizacións. E así é imposible ofrecer un bo servizo”, engadiu.

O tren A Coruña-Ferrol ten que saír da era do vapor