María García: “O futuro do porto, a decisión máis importante que se vai tomar neste mandato, está encerrada en despachos por Feijóo e Ábalos, e a alcaldesa acata”
Ante a falta de compromiso de PP e PSOE, chamamos á veciñanza a participar na manifestación do 30 de maio e defender o porto da especulación
A voceira da Marea Atlántica e presidenta da Comisión Especial do Bordo Litoral no Concello da Coruña, María García, denunciou hoxe que o goberno de Inés Rey está a ocultarlle á oposición a documentación necesaria sobre o futuro dos peiraos. A alcaldesa recibiu o 9 de abril, en Santiago, unha proposta de convenio elaborada pola Xunta, da que se coñece parte por informacións da prensa, pero que se lle nega aos grupos municipais, secuestrando o debate e dificultando o noso traballo. Mesmo denegounos acceso ao solicitalo por rexistro.
“O futuro do porto, a decisión máis importante que se vai tomar neste mandato, o futuro urbanístico e económico da Coruña, está secuestrado tras as portas pechadas dos despachos polo PP e o PSOE”, explicou María García. E, concretando máis, “está en mans de Alberto Núñez Feijóo e José Luis Ábalos, mentres Inés Rey acata todo o que lle mandan: que se prepare un pelotazo urbanístico en San Diego, que renuncie a defender a pesca e os usos produtivos, que garde silencio sobre a condonación da débeda”.
A nosa portavoz sinalou que “tristemente, este idilio entre Feijóo e Ábalos ten pouco que ver coas necesidades de Galicia e A Coruña, e moito máis co obxectivo de desgastar outros liderados no PP estatal. Un xogo no que a nosa cidade é refén, coa complicidade do goberno municipal”. Ante esta situación inaceptable, convidamos á veciñanza a participar na manifestación do 30 de maio, convocada por todas as organizacións que forman a Comisión en Defensa do Común.
Renuncia á condonación da débeda.
“A alcaldesa está a actuar desde a minoría absolutista, pasando por enriba dos consensos dos últimos anos e secuestrando o debate. O 9 de abril, dentro dun despacho en Santiago de Compostela, os gobernos municipal e autonómico renunciaron á condonación da débeda do porto da Coruña, a reclamar o mesmo trato que en Valencia, e ninguén compareceu para dar explicacións”, denuncia a nosa voceira.
A cambio desa renuncia, o único que ofreceu o Estado foi un vago compromiso coa conexión ferroviaria a Punta Langosteira, sempre e cando se consigan fondos europeos Next Generation. E se non se conceden? Non hai resposta. “Con isto faise un intercambio de cromos cos terreos portuarios, Ábalos ofrece un tren que debería estar licitado hai dez anos a cambio dun pelotazo inmobiliario en San Diego. Iso é o que se prepara mentres chegan anuncios de abrir ao paseo o peirao de Transatlánticos, unha medida positiva pero que se está a usar como cortina de fume”, resume García.
Do mesmo xeito, coñecemos pola prensa que Inés Rey pensa convocar o 5 de maio unha xuntanza interadministrativa coa Xunta e o Estado na que trasladar esta proposta de convenio, e que pensa facelo sen consensúar unha postura na Corporación municipal. “Non só amosa falta de talante democrático, tamén está a vulnerar o acordo ao que chegamos o 3 de marzo, de fixar na Comisión do Bordo Litoral unha postura conxunta que trasladar aos encontros entre administracións”.
Engadiu, tamén que a anulación dos convenios de 2004 é un paso necesario, pero non suficiente, xa que “o de febreiro 2004 está incorporado ao PXOM da Coruña en vigor, mentres non se modifique o Plan Xeral, o pelotazo en San Diego será posible e probable”.