Xan Xove, deputado do Grupo Común da Esquerda, preguntoulle hoxe á conselleira de Medio Ambiente cando “vai facer o seu traballo e “permitir que a cidadanía da Coruña, por medio do seu Concello, protexa o seu patrimonio natural”
A declaración de Espazo Natural Protexido leva dous anos sen avances, e xa caducou unha vez, por culpa do PP en 2011
Xan Xove, deputado no Parlamento de Galicia polo Grupo Común da Esquerda e integrante da Coordinadora da Marea Atlántica, preguntoulle hoxe ao goberno da Xunta cando pensa desbloquear a declaración definitiva das Illas de San Pedro como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), que o próximo 17 de novembro fai dous anos enterrada nos caixóns da Consellería de Medio Ambiente. A resposta de Ángeles Vázquez, responsable deste departamento, foi que non sabe cando rematarán un trámite no que o Concello da Coruña fixo e fará todo o traballo.
“A pregunta é clara, cando permitirá a Xunta que a cidadanía da Coruña, a través das súas institucións, protexa as illas de San Pedro como merece un espazo de tanta riqueza natural?”, sinalou Xove, sen obter unha data clara por parte do goberno galego.
Lembrou que esta é unha histórica demanda do ambientalismo coruñés, e que as illas, ademais dun pequeno paraíso natural no que habitan varias especies de aves protexidas, é un lugar de memoria, pois “alí foron fusiladas 19 persoas o 3 de marzo de 1937, por tentar fuxir da barbarie golpista do xeneral Franco”. Entre elas estaba o pai do músico Pucho Boedo.
Unha década perdida porque o PP deixou caducar a solicitude
O deputado lembrou, ademais, que a declaración de ENIL para as Illas de San Pedro solicitouse desde o goberno bipartito PSOE-BNG, pero primeiro a Xunta e logo o executivo de Carlos Negreira deixárona caducar, coa complicidade de Agustín Hernández, primeiro, e Beatriz Mato, despois, como responsables de Medio Ambiente.
“Por culpa do PP xa perdemos unha década. Vai permitir a Xunta que isto suceda de novo?”, preguntou Xove, e non conseguiu tampouco un compromiso claro de Ángeles Vázquez. A única resposta foi que “hai outros espazos para falar de temas locais”, así ve a Xunta a protección ambiental.
Xan Xove indagou tamén sobre a outra declaración de ENIL pendente no Concello da Coruña, a da contorna da Torre de Hércules, presentada en 2018 e perdida tamén no limbo da tramitación autonómica.
Os da Coruña non son os únicos ENIL que se atopan nesta situación. Abegondo leva desde 2016 agardando pola protección das ribeiras dos ríos Mero e Barcés, situados dentro dunha Reserva da Biosfera. Carral pediu en 2017 o ENIL para o río Abelleira. E Nigrán ten pendente desde hai cinco anos a declaración para a contorna de Praia América e Panxón.