365 días e unha ilusión
Un 22 de xullo de 2014 a xente da Marea aterrou na Ribeira do Cómaro para parlamentar coa cidadanía: queredes? Poñémonos? Pelexamos polo que é de todas?
Coruñesas e coruñeses de idades, biografías e perspectivas diferentes sacamos as nosas mans dos petos e unímolas outra vez máis. Como facían hai cen anos os irmandiños da fala. Como fixemos ao gritar “Nunca máis”. Desde aquela somos máis mans e témolas máis arrexuntadas. E a Marea foise convertendo en trenza da xente do común.
Un ano despois volvemos á beiramar, ao pé das Lapas e da Torre , e repasamos en fraterna comuñón o moito labor desenvolvido. Conquistamos o goberno da cidade e o corazón de moita xente para quen queremos traballar porque non temos outros superiores aos que render contas. O noso consello de administración é o ben común do 99%.
Non vai ser fácil o traballo que temos por diante pero se seguimos de mans dadas e se nos sinalades o camiño –rectificando cando for preciso- conseguiremos os nosos obxectivos conforme o noso programa, o código ético e as lexítimas expectativas dunha cidade mellor, con máis rigor democrático, con máis xustiza social.
Aquela Marea nacente de 2014 é agora máis vigorosa, ten máis responsabilidade, foi testada afirmativamente nunha eleccións e nunha corporación que designou alcalde a un dos nosos, a un dos vosos. E mesmo esperta interese e simpatía noutras veciñanzas do país e fóra del.
Para avanzar esta Marea aínda precisa máis mans. Carentes de poder, con limitados recursos, con algúns poderes fácticos remisos ou contrarios á nosa maneira de facer, só nos queda, como aos mariñeiros, usar as mans guiadas polas cabezas que as gobernan.
Con esas mans seguiremos sumando e vencendo dificultades para servir de ferramenta á cidadanía. A ilusión é un territorio propio dos mareantes. Ilusión por volver. Por pisar terra firme. Por abrazar aos propios. Por traer. Por dar. Por atopar. Por faenar. Por non claudicar cando as cousas veñan mal dadas.
Esa ilusión que cose as nosas mans e que labra os nosos corazóns é hoxe máis firme ca nunca. Sentimos e agradecemos o voso alento. Precisámolo cada día. Para seguir firmes e coa ilusión renovada un ano despois. Sabemos que o pobo –vós e nós- é quen máis ordena. Que o siga sendo de hoxe nun ano. E que todas o vexades e o fagades posible.
A Coruña, 22 de xullo de 2015
Os comentarios están pechados.