Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Xulio Ferreiro: “Nos primeiros 100 días no Goberno municipal a Marea retirará, por fin, todas as referencias franquistas que aínda sobreviven no rueiro da cidade”  

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía considera “anacrónico e tamén ofensivo” o reiterado incumprimento da Lei de Memoria Histórica, do que responsabiliza ás forzas que gobernaron na Coruña nos últimos lustros, que “rexeitaron ou non foron firmes na aplicación dunha norma nacida da máis básica cultura democrática”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, anunciou este xoves outra das medidas que aplicará a plataforma cidadá que encabeza cando chegue ao goberno municipal: “Nos seus primeiros 100 días en María Pita a Marea retirará, por fin, todas as referencias franquistas que aínda sobreviven no rueiro da cidade”.

O cabeza de lista da Marea asegura que “da nosa man farase efectiva dunha vez a Lei de Memoria Histórica e desaparecerán do rueiro municipal nomes que xa hai anos que non deberían estar aí. Por suposto, farémolo baixo a premisa de causarlle a mínima incomodidade á veciñanza que resida nas zonas que cambien de denominación”. “Teremos sentidiño, o que significa perturbar á xente o menos posible ao modificar o nome das rúas pero, desde logo, tamén é de sentidiño retirar delas calquera homenaxe a unha cruel ditadura, feito impensable na práctica totalidade das sociedades avanzadas”, indicou Ferreiro, que considera “anacrónico e tamén ofensivo” o reiterado incumprimento da Lei de Memoria Histórica, do que responsabiliza ás forzas que gobernaron na Coruña nos últimos lustros, que “rexeitaron ou non foron o suficientemente firmes na aplicación dunha norma nacida da máis básica cultura democrática”.

Neste sentido, a Marea apoia de forma activa aos movementos que traballan a prol da retirada de calquera simboloxía franquista
-recoñecendo de forma especial á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica- e lembra que “estamos xa en 2015 pero aínda quedan bastantes rúas (División Azul, Juan Canalejo, Praza General Mola…) que recordan a figuras da ditadura franquista. Iso só se entende desde a inacción do goberno do señor Negreira, que no seu día mesmo chegou a chamar ‘coruñés de pro’ a algún líder golpista, o que ademais de asombro provocou indignación entre milleiros de cidadáns, especialmente entre os que contan na súa contorna con represaliadas, desaparecidas ou asasinadas por aquel réxime totalitario, persoas cuxa memoria forma parte do caudal co que agora a Marea pula desde A Coruña por abrir un novo tempo político”, indica Ferreiro.

 

Cumprir dunha vez a Lei de Memoria Histórica