Saltar ao contido
Un micrófono dun ou dunha cantante

Reclamamos que se escoite un  sector moi castigado pola crise, comezando pola creación dun Consello Local de Cultura e un plan de choque específico

Iago Martínez: “O PSOE leva dous anos en liortas internas que levaron á práctica desaparición da Concellaría de Cultura. A alcaldesa quedou coas competencias, pero non está a facer nada para exercelas”

O grupo municipal da Marea Atlántica levará ao Pleno deste xoves, 7 de outubro, unha moción na que lle reclama a Inés Rey que atenda ás políticas culturais do Concello e cumpra os numerosos acordos que ten esquecidos nun caixón desde hai dous anos. “O único éxito da alcaldesa foi poñer de acordo a todas as forzas da oposición, por enriba das nosas diferenzas políticas, para denunciar que o sector cultural está completamente abandonado por un goberno que nin sequera escoita”, resume o noso vicevoceiro, Iago Martínez. 

A cultura é un sector estratéxico, do que dependen centos de postos de traballo na Coruña, e que foi moi castigado pola crise económica e as restricións derivadas da pandemia. “A cultura merece outra resposta que o silencio que está a recibir desde hai dous anos, nos que o PSOE estivo máis ocupado en liortas internas que acabaron coa práctica desaparición da Concellaría de Cultura. A alcaldesa asumiu as competencias, pero non as está a exercer”, sinala Iago Martínez. 

Un ronsel de acordos sen cumprir

A Marea Atlántica non quedou só na denuncia. Leva todo o mandato facendo propostas concretas, coma as bolsas de creación e os bonos culturais que se inclúen no Presco. Reunimos varias destas ideas en dúas mocións, aprobadas por maioría no Pleno en novembro de 2020 e xuño de 2021. E Inés Rey limitouse a asentir e incumprir. 

Por iso, pedímoslle que respecte a vontade do Pleno amose un maior talante democrático. Entre outras cuestións, debería: 

  • Crear canto antes un Consello Local da Cultura, cun regulamento consensuado no Pleno e con presenza do sector en toda a súa pluralidade e dos grupos municipais da Corporación. 
  • Elaborar, dentro dese Consello Local, un plan de choque ambicioso e con recursos para apoiar ao sector, así coma un plan director que oriente as erráticas políticas culturais do goberno. 
  • Lanzar unha nova liña de axudas directas para reforzar o tecido cultural e crear emprego, aberta a pemes e autónomos. 
  • Abrir un programa de compra de obras a artistas locais, para ser estudadas, promocionadas e exhibidas. 
  • Impulsar as residencias artísticas, e non só en equipamentos especializados, senón en centros cívicos, bibliotecas e outras infraestruturas de proximidade.
  • Atender as demandas dos distintos colectivos, coma as que trasladou a plataforma “Unímonos ou afundimos” en maio.

 

Inés Rey debe cumprir os acordos en beneficio do sector cultural ao que leva dous anos ignorando