Saltar ao contido

Levamos a Pleno unha iniciativa para esixir que se cumpran os acordos pendentes: A empresa eléctrica municipal, a Oficina da Enerxía para atender á veciñanza, e a aposta polas renovables están a sufrir unha demora inexplicable

Xan Xove: “A cuestión enerxética xa non é un debate para economistas. Temos que prepararnos para afrontala dun modo xusto, para ser máis resistentes aos retos dun futuro que xa é presente”

A Marea Atlántica defenderá no próximo Pleno do Concello da Coruña unha moción para instar ao goberno local a cumprir canto antes os acordos que asinou co noso grupo en materia de política enerxética e que están reflectidos nos Orzamentos de 2020 e 2022. Entre eles, están a creación dunha empresa eléctrica municipal 100% renovable, a redacción do Mapa das Enerxías Renovables, a constitución dunha Oficina da Enerxía para o asesoramento á veciñanza e a redacción dun plan de emprego no eido das enerxías renovables, todos eles sen avances desde hai meses.

Como sinala o noso candidato á Alcaldía, Xan Xove, “a emerxencia climática déixase sentir cada vez con máis forza, e súmase ao declive dos combustibles fósiles, agravado pola guerra da Ucraína”, e que fai que “a cuestión enerxética xa non é un debate para técnicos e economistas, senón que forma parte das conversas cotiás. Polos prezos á alza da factura da luz, outras veces polo impacto do sector enerxético privado na pesca, ou nas terras forestais e agrícolas”.

Neste contexto, ningunha institución pública pode pretender que as políticas enerxéticas non van con ela, tampouco o Concello da Coruña. Xove afirma que “a transición ecolóxica debe ir da man da redistribución da riqueza. Temos que apostar pola redución da desigualdade e o reforzo do benestar, ao tempo que reforzamos a nosa soberanía enerxética para ser máis resistentes aos retos dun futuro que cada vez é máis presente”. Medidas coma as que o goberno local ten sen executar.

O ‘debe’ das políticas enerxéticas da Coruña

Entre os acordos sen cumprir atópase a posta en marcha dunha empresa eléctrica municipal, no seo de EMALCSA, que opere con enerxía 100% renovable para abastecer o consumo enerxético do Concello e que habilite medidas contra a pobreza enerxética. Leva desde abril sen rexistrar ningún avance significativo.

Tamén está pendente a publicación do Mapa das Enerxías Renovables, unha ferramenta que localizará os mellores lugares da Coruña para xerar electricidade de forma ambientalmente respectuosa, e nunha contorna urbana próxima ao lugar de consumo.

Non houbo un só xesto para constituír a Oficina da Enerxía do Concello da Coruña, un servizo para asesorar a particulares e empresas. Nin tampouco no plan de emprego e formación ocupacional para capacitar a persoas na instalación de enerxías renovables, un sector en alza.

Finalmente, e a pesar de que conta cunha partida nos orzamentos deste ano, nada se sabe do proxecto piloto para a xeración de enerxía renovable no espazo público, con instalacións minieólicas e solares.

Falamos de políticas enerxéticas en positivo, xa incorporadas aos acordos orzamentarios de 2020 e 2022 no Concello da Coruña e destinadas a mellorar o comportamento enerxético da administración e aliviar a carga que sofre gran parte da poboación, nun contexto de inflación galopante que dende a aprobación destes acordos non fixo máis ca empeorar. A demora que están a sufrir é inexplicable.

Onde están as políticas enerxéticas do goberno local da Coruña?