Por Erik Dobaño
Daniel, Avelino, Elena, Eduardo, Dulce, Manuel, Mari Carmen, Pura, Rosario, Celia… gardan a memoria da Agra, a memoria do traballo cotián, das vodas, dos nomes, dunha paisaxe que foi mudando de cores e perdendo a aparencia rural. Falan os maiores respondendo ao convite do proxecto Agra Civis e da Marea da Agra nunha sala funcional e luminosa do ático do centro cívico Novoboandanza. Falan sen nostalxia, mesmo con retranca do tempo en que se levantou o ensanche. Din que hoxe se está mellor aquí. Malia o que se foi perdendo no camiño dos anos. Lembran a fonte e o cazo para colle-la auga; o lavadoiro, porque aínda non había canalizacións; como tendían a roupa nos campos que cubre hoxe a Ronda de Outeiro. Non había igrexa e o primeiro colexio foi o Fogar de Santa Margarida. Da rúa Páramo cara arriba era todo monte, hortas. Traballei moito aí, nas costas que soben a San Pedro plantei acacias. Nós eramos de Ordes, matáranos o pai na guerra, caseime e vin para aquí, tiven unha tenda de ultramarinos. Eu vin de Vedra, a traballar. Pois eu vivín sempre na Agra, desde que me casei aos 21, na mesma casa, e xa teño setenta e seis. Nos cincuenta chegou Franco a entregar as casas de Pescadores, teño a foto co meu pai. Para que che deran unha casa había que ser do Réxime. Daquela eramos todos do Réxime, eramos apostólicos e románicos. Nos sesenta construíron a parte de Divina Pastora. Por aquí o bar máis famoso era o Bolichero, xogabamos o tute, á chave na parte de atrás. E na rúa do Observatorio estaba Segundo el Barbero, que facía de local social do Ciudad Jardín. A rúa Pascual Veiga era a do Estanco.
A historia do barrio empezou con eles, a vida do barrio é a deles. E non se queixan por como lles foi, mesmo os que estiveron emigrados. Non piden moito, pero falan do que lles faría falta. Un parque: que o Concello cumpra xa a promesa para o Observatorio. Algo máis de espazo na rúa: para non ter que ir cóbado con cóbado no paseo da Barcelona, sombra para o verán, sitios para xuntarse. Algo máis de xente moza, porque o que se ve, din, son vellos e bastóns; e este foi e ten que seguir sendo un bo sitio para facer unha vida.
A noticia, tamén na Voz de Galicia: http://www.lavozdegalicia.es/n