Por Paula Tomé
Marea Mallos-Falperra: “Será que somos persoas, e non vehículos a motor”
Xa estou na única rúa peonil deste barrio, facendo de cronista ocasional para esta Marea, a do barrio onde vivín dende pequena, do que marchei, e ao que regresei. Mentres me acomodo para observar e tomar notas, penso en cánto máis agradable é unha rúa peonil. Será que penso iso porque son unha persoa, e non un vehículo a motor. O meu particular punto de vista non me deixa ser neutral.
Con esta Marea Mallos-Falperra chega de repente o outono en forma de vento frío que fai temer pola asistencia e participación da veciñanza. Pero chegando ás sete e media xa hai persoas a carón do posto de sinaturas, unhas que xa coñecen o desexo común que é Marea Atlántica, outras que veñen preguntar qué é todo isto. Hai unha carpa, un micro, unha zona para crianzas, carteis, un panel…un xeito de facer acolledor este anaquiño de rúa, ao noso particular xeito, arredor do punto azul. Este punto é xa un símbolo mareante de cómo transformar calquera lugar da cidade nun centro de decisións cidadás, sobre a experiencia de habitala día a día, e imaxinala doutro xeito.
Mais a participación nunca semella suficiente, “a xente ten que involucrarse máis”, expón Alejandro, en canto toma o micro no debate. Comparte a seguir a proposta de facer deste un barrio universitario, como xeito de darlle relevo xeracional a un barrio moi avellentado, próximo ao acceso ao campus. Hai moitas vivendas baleiras, e a necesidade de dinamizar o pequeno comercio. Hai tamén unha publicación previa desta proposta no periódico local.
O centro de saúde e o centro cívico, demasiado afastados para un barrio que se quere para as persoas, para o seu día a día complicado por unhas rúas ateigadas de tráfico. A imaxinación colectiva deste barrio, como se vai demostrando con sucesivas intervencións, é fértil en árbores, bancos á sombra, rúas peonís, obradoiros e música na rúa, na posibilidades de percorrelo en bicicleta, na limitación de velocidade para os vehículos. Xorden tamén relatos de viaxes a outras cidades das que se volve con outros modelos. Imaxinamos tamén espazos comúns para que a xente maior e as crianzas teñan espazos para estar, ben situados e ben equipados (xogos, aparellos para exercicio físico…).
Rubén colle o micro para lembrarnos o problema da exclusión económica, en forma de pensións insuficientes ou desemprego, pero tamén outras exclusións, como a sanitaria. Exclusións máis ou menos visibles, pero contra as que o concello debería intervir de xeito activo.
Xorde a micro aberto o debate sobre a inseguridade: Escasa presenza policial? Ou se cadra pensar, como apunta Dani, na inseguridade que provocan as grandes superficies, erosionando coa súa feroz competencia o pequeno comercio? Recuperar unha idea de policía de barrio? Xustiza social para que non faga falta a vixilancia? De seguro será un debate de longo percorrido…
Son as oito e dez. María, a cargo do panel onde se recollen as ideas por escrito, toma o micro para unha primeira recapitulación, satisfeita coa participación e as propostas realizadas. Que non rematan: queixas pola contaminación acústica, pola falla de accesibilidade nas vivendas sen ascensor, a falta de equipamento público para facer actividades. A fealdade tamén incomoda, tanto como a escaseza de sol, ou sombra, sexa polo clima, ou polas distintas zonas do barrio, Mallos ou Falperra.
Incomoda o barrio-cárcere. O barrio-colmea. O barrio-tráfico. O barrio-cemento.
Hoxe as persoas de Mallos-Falperra imaxinamos outros xeitos, máis próximos, de respirar, camiñar, convivir, xogar, ou comprar no noso barrio. Será que somos persoas, e non vehículos a motor, e a nosa perspectiva non nos deixa ser neutrais.