Por ALBERTO LEMA
De todas as metáforas da fundación, a miña favorita é a da botadura do barco, e non só por simpatía coa cousa mariñeira, pola cerimonia en si mesma. A saber. Logo de estampar unha botella de champaña contra o seu casco, o xigante de metal escorrega polos rodamentos do dique seco ata bater por vez primeira nas augas dun mar no que, grazas á ciencia náutica, adoita aboiar a maioría das veces.
Se puidésemos examinar o rostro dxs enxeñeirxs, soldadorxs e demais persoal do estaleiro que participou na construción da nave ao longo de todo ese proceso da botadura, o que albiscariamos nas súas expresións sería preocupación, inquedanza mellor ou peor disimulada polo comportamento do barco nas augas. Pois ben, os que participamos na construción da Marea Atlántica tiñamos onte na mirada a mesma sombra apesarada de dúbida e ansiedade. Finalmente, o barco da Marea, e desculpen o oxímoro, amosou unha espléndida flotabilidade o día da súa estrea.
En aparencia, todo estaba ben a primeira hora. Os cartaces colados de véspera, a megafonía pasada, o atril e o escenario disposto… Todo feito, por certo, a golpe de puro voluntarismo, cos cartos e o traballo comunal, colectivo e gratuíto das poucas ducias de persoas que, polo de agora, formamos a Marea. Velaquí as armas humildes e invencibles da insurrección popular contra os asalariados do Poder.
O lugar escollido para a primeira asemblea aberta da Marea foi a Agra do Orzán, o barrio máis popular e populoso da Coruña, de toda Galicia segundo algúns estatísticos. Máis en concreto, no cruce da rúa Barcelona coa de Cuba, dous topónimos centrais, por certo, na educación política e sentimental deste cronista.
Habería unhas duascentas persoas na arrancada do acto, contra as 20 horas, de todas as idades e condición; activistas coñecidos doutras loitas, adictos á política de base e, sobre todo, xente do barrio, clase traballadora ou cidadanía, non imos discutir por unha palabra, atraídos pola promesa dunha política que non se reclama nova pois é tan vella coma as asembleas populares.
Os encargados de introducir a Marea foron Rocío Fraga e Antón Gómez-Reino, que debuxaron en poucas palabras os eixos principais da proposta: participación cidadá, A Coruña para todxs, inclusión… Unha aposta contra a cidade do cemento, a especulación, a corrupción e a plutocracia con domicilio no 15001. A seguir, cedéronlle o lugar e a voz á asemblea, e logo duns intres de silencio e timidez, por fin a xente rompeu a falar.
Reclamáronse zonas verdes para os rapaces, centros de día para os maiores, denunciouse o abandono do barrio por parte do goberno da minoría, o desemprego masivo e o subemprego. Declarouse a necesidade de integrar a poboación migrante, e mellorar a mobilidade. Propuxéronse novos usos para o parque de San Pedro de Visma e o centro Ágora. Todo isto foi recollido no cartel que podedes ver máis abaixo que ten o valor dun verdadeiro documento histórico, como aqueles cahiers de doléances da I República Francesa.
Durante case unha hora, a asemblea falou, denunciou e expresou os seus desexos sen mediación, a micrófono aberto, entre iguais. Se alguén tiña algunha dúbida sobre o que é poder popular, pobo organizado, tiña a resposta diante dos ollos. Pero a Marea non quere pasar polos barrios, quere ficar neles. Por iso, contra o final do acto fíxose un chamamento a constituír unha Marea do Orzán e recolléronse as sinaturas e contactos precisos para facelo, para construír unha acción política en dirección contraria á prescrita polo Réxime, de abaixo cara a arriba, que teña continuidade.
A nosa historia facémola nós, cantaba hai ben pouco Ugia Pedreira. A historia da Marea Atlántica quere ser a historia dunha Coruña nova, unha Coruña que pide a palabra e vai ser escoitada. A súa historia vai ter un autor colectivo.
Os comentarios están pechados.