Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Este sábado lanzamos outra marea, mais unha moi especial: a Marea Municipalista. Un encontro ao que estaban convidados os distintos procesos municipalistas que están a xurdir en cidades e vilas galegas co foco posto no protagonismo cidadán.

Deseñouse co formato de obradoiro de traballo, con sesións orientadas a presentacións e exposicións e outras a debate distribuídas durante a mañá e a tarde. Pola importancia da transparencia nesta construción colectiva e tamén para posibilitar o seguimento da xornada a toda a xente interesada dende múltiples localidades, o encontro foi retransmitido en directo vía streaming. As gravacións están dispoñíbeis aquí.

A primeira sesión dedicouse á presentación das mareas asistentes: Marea Atlántica, Ames Novo (Marea Cidadá de Ames), Marea Ártabra, Marea de Pontevedra, Ourense en Común, Marea de Vigo, Asemblea Cidadá de Compostela (Compostela Aberta) e tres aínda en xestación en Lugo, Sada e Culleredo. Fixeron unha breve exposición sobre a súa situación actual, o modelo organizativo que propoñen para o seu proceso particular e a folla de ruta prevista para o futuro inmediato.

Na seguinte sesión tratáronse a cuestión central da participación cidadá como cerna do proceso municipalista e os modelos posibles de relacións con organizacións políticas e sociais. As distintas mareas expuxeron como están a estruturar a expansión da base cidadá localmente e diversas fórmulas para canalizar a relación con formacións partidarias. Adhesións individuais ou colectivas aos procesos, principios de relación cos movementos sociais, protocolos de lanzamento de mareas temáticas ou barriais, métodos de financiamento, graos e ritmos de implicación de persoas con distintas circunstancias… foron todos eles aspectos sobre os que se intercambiaron opinións extensamente.

Xa na tarde, encarouse o traballo cara á fase do proceso na que haberá que construír a participación electoral das mareas. Comezouse por volver de novo sobre o protagonismo cidadán nesta fase máis avanzada, compartindo análises sobre as maneiras máis útiles de garantir o liderado cidadán e a accesibilidade dunha base social ampla aos procesos. A seguir, a elaboración da candidatura foi o tema que suscitou reflexións sobre o procedemento de elección, a continuidade da activación e organización da cidadanía tras as eleccións municipais, a revogabilidade dos cargos, o control dende abaixo da acción da corporación municipal…

Continuouse coa valoración das fórmulas legais para a concorrencia ás eleccións —agrupación de electores, partido e coalición de partidos— e os aspectos positivos e negativos de cada unha, e finalmente coa previsión de novos encontros entre as mareas municipalistas —Ames Novo propuxo acoller o vindeiro a finais de outubro— que dean continuidade a este espazo de colaboración, reflexión e intercambio de experiencia e ferramentas colectivas que se quere construir.

 

Un intre da xornada, por Sandra García Rey

Crónica | Marea Municipalista