Saltar ao contido

por Roberto Carro Vázquez

A “Marea de Fóra” volta á casa polo Nadal

Risas, bo ambiente, propostas diversas… e, sobre todo, ilusión. Voltar á casa polo Nadal e atoparte con que hai xente traballando para que A Coruña sexa de novo unha cidade para as persoas xera moi boas sensacións. Así, cada un dos emigrados (e algún que outro da propia Coruña que se uniu), puido ver que non está só, e que dende os máis diversos rincóns de España (Madrid, Barcelona, Málaga…,) e do mundo (Hamburgo, Guinea Bissau ou os Estados Unidos), hai xente que segue a preocuparse polo devir desta cidade que tanto nos gusta._MG_4358

 

A xornada da “Marea de Fóra” comezou coa acollida dos participantes. Un tras outro, atravesamos as portas da Casa da Fariña, lugar emblemático xa para a Marea Atlántica, e comezamos a compartir as nosas impresións uns cos outros. Ata 30 persoas reunímonos baixo o mesmo teito e lanzámonos a presentarnos, realizando varias dinámicas para coñecernos entre nós, entre ellas un estupendo mapamundi, no que cada un puido explicar onde está residindo, por que… Ademais, amosamos as distintas realidades que xente dun mesmo lugar pode ter para alonxarse da súa cidade de orixe: dende a emigración por motivos de estudos, de traballo (quizais o motivo máis expresado), querer vivir aventuras, coñecer outros lugares… Así como a motivación dunha porcentaxe relevante de coruñeses emigrados que queren voltar pero, pola situación na que nos atopamos, non poden. Coñecer as distintas realidades é o primeiro paso de cara á busca de solucións e por iso tivemos tempo para expresarnos e compartir as nosas impresións.

_MG_4511

A continuación, diversos voluntarios da Marea Atlántica, tanto de mareas temáticas como de mareas de distintos barrios, acudiron a contarnos como está a situación, cal é a estrutura da Marea, que pasos se queren dar… e puidemos trasladarlle as nosas inquedanzas. A ausencia de espazos de reunión e culturais, a situación da xente maior, un urbanismo movido por intereses persoais… Hai moitos problemas e, dende a Marea, vese unha vontade de atopar solucións contando coa cidadanía. Esperamos con grande expectación a Marea Viva que terá lugar en xaneiro, onde se dilucidarán cuestións moi importantes para que este proceso de confluencia chegue a bo porto en maio e, como xa destacaron distintos membros, máis aló de maio, pois a Marea non remata nin moito menos coas municipais.

 

Unha vez en contexto, os asistentes á reunión puidemos tamén contribuir á Marea. Como desexamos que sexa o futuro da Coruña? Como podemos chegar a dito futuro? Que podemos aportar nós dende a emigración? Esas foron as tres preguntas clave que tratamos de respostar, e das que a Marea tomará nota. Así, a Marea de Fóra quedou constituida como unha máis, finalizando a reunión cun poema recitado por un dos asistentes, Serafín, que compartiu a súa experiencia de traballo nos mares de Irlanda e animou sobre todo á xuventude a pelexar polo futuro que vén (https://www.facebook.com/video.php?v=10152613229247877).

É de recibo agradecer a súa presenza aos convidados da Marea Atlántica que nos expuxeron a situación actual da mesma, a Lucía e Sergio, que prepararon a reunión da Marea de Fóra con moito xeito, e a todos os que se animaron a acompañar por un día esta revolución de maneira presencial malia vivir lonxe. Recuperar A Coruña é traballo de todas e todos.

_MG_4364

 

A 2ª parte do evento, a da celebración, foi na Cova Céltica, na rúa do Orzán. Alá, mareantes “de fóra” e mareantes residentes na Coruña tivemos un momento máis informal para coñecernos, mentres tomabamos algo e saboreabamos unha rica cea a base de cousas que quen viñemos trouxemos da casa para compartir co resto. A guinda do pastel foi o concerto de “Espantallo Beat”, que nos fixo desfrutar e bailar, tanto que boa parte do público acabou ben suada, e o grupo acabou suplicando que deixásemos de pedir bises, porque non podían máis. @s artistas agradeceron, iso si, tocar para un público entregado coma moi poucos, segundo nos dixeron. Un bonito final para unha bonita xornada.

 

 

  • Todas as fotos do encontro podédelas atopar no seguinte enlace:

 

www.flickr.com%2Fphotos%2F126275438%40N07%2Fsets%2F72157649586006738%2F&h=2AQEegeaL)

 

  • Asimesmo, tamén podedes ler a crónica redactada desde a perspectiva do deseño do evento e a facilitación de grupos, a cargo de Sergio A.N.P.:

 

https://sites.google.com/site/diariofaciliteitor/facilitaccion/marea-de-fora

 

  • Por último, lembrarvos que vos podedes achegar máis á “Marea de Fóra” a través do noso grupo de facebook:

 

https://www.facebook.com/groups/mareadefora/

 

ou do correo-e mareadefora@mareatlantica.

crónica | A Marea de Fóra volta a casa polo Nadal