Saltar ao contido

A nosa voceira, María García, mantivo unha xuntanza co comité de empresa das bibliotecas de xestión privada, e rexistrou un escrito pedíndolle á alcaldesa que cumpra o acordo unánime no último Pleno


A voceira da Marea Atlántica, María García, rexistrou hoxe un escrito dirixido á alcaldesa Inés Rey para reclamar que que cree e convoque no menor tempo posible a comisión especial para estudar todas as vías posibles para a solución dos problemas no pago dos salarios nas bibliotecas municipais de xestión privada, incluída a municipalización, tal e como se acordou no último Pleno por unanimidade. “Non hai tempo que perder. Vista a boa disposición da representación sindical a colaborar, é preciso acelerar a constitución deste novo órgano e convocar canto antes a súa primeira xuntanza, á que debería incorporarse o comité de empresa”, sinala a nosa portavoz no escrito, que tamén lle trasladou aos demais grupos políticos.

García mantivo hoxe un encontro con representantes do Comité de Empresa de LTM, a concesionaria das bibliotecas de xestión privada. Nesta xuntanza, trasladáronlles todo apoio da Marea Atlántica ás traballadoras nas súas reivindicacións, e a nosa disposición a apoiar calquera solución que remate coa incerteza que viven cada mes, sen saber se recibirán ou non o salario que lles corresponde. 

Na rede de bibliotecas municipais existe unha dualidade inxusta, na que conviven centros de xestión pública, nos que non hai ningún problema para cobrar a fin de mes, e centros de xestión privada, nos que a empresa concesionaria non é quen de garantir os pagos a tempo. Son consecuencias do colapso do modelo dual que implantaron gobernos do PSOE e cuxa substitución requirirá, como sinala María García, “un esforzo notable neste Concello, tanto político coma técnico”. 

De ahí que no último Pleno, o pasado 13 de outubro, a Marea Atlántica presentase unha moción en apoio ao persoal das bibliotecas en mans privadas e na que, por medio dunha transacción, o goberno local comprometeuse a crear unha comisión plural para solucionar o problema. Un acordo que foi aprobado por unanimidade e que urxe cumprir. 

Apoiaremos calquera solución que garanta a tranquilidade das traballadoras e traballadores das bibliotecas, un servizo cultural básico. Pero temos claro que o único remedio definitivo é a municipalización de toda a rede, pola que traballou o goberno de Xulio Ferreiro con nulo apoio do resto dos grupos políticos. 

Pero agora é posible facela. Inés Rey chega co proceso adiantado do mandato anterior, cunha sentenza do Tribunal Supremo sobre a remunicipalización do servizo de axuda no fogar de Pamplona, en febreiro deste ano, despexa definitivamente o problema da subrogación en beneficio das traballadoras, e pode contar cunha maioría absoluta grazas aos votos da Marea Atlántica.

“Non nos vai tremer a man para aprobar unha remunicipalización das bibliotecas, desde hoxe ata o último día do mandato”, resume María García. 

Inés Rey ten que crear e convocar canto antes a comisión para estudar a municipalización de toda a rede de bibliotecas