Saltar ao contido

Iago Martínez: “A Coruña non pode sacrificar a cultura, hai que impulsar políticas alternativas aos grandes eventos”

A única proposta do goberno de Inés Rey para o sector, polo de agora, é recortar medio millón de euros e lamentar a previsible cancelación das festas

O concelleiro Iago Martínez, representante da Marea Atlántica no Consello Reitor do IMCE, interveu hoxe na xuntanza deste organismo e puido comprobar que o goberno municipal carece dun plano maduro para apoiar ao sector cultural fronte á crise do COVID-19. Pouco despois, a alcaldesa Inés Rey confirmaba nunha emisora de radio que o seu equipo non ten folla de ruta ningunha para reorientar o investimento en Cultura ante a moi probable cancelación dos grandes eventos das Festas de María Pita.

“Sendo conscientes do difícil da situación, estamos moi preocupados pola falta de reacción do goberno municipal, que ten na área de Cultura unha das súas maiores carencias”, explicou. Polo de agora a súa única proposta foi recortar medio millón de euros, unha cantidade que o PP e Ciudadanos queren incrementar. “A Coruña non pode sacrificar a cultura nesta crise. Ao contrario, ten que ser un porto refuxio para o sector”, engadiu o concelleiro. 

Imaxinación e novas formas de cultura

A Marea Atlántica entregou, hai xa máis dun mes, unha batería de propostas para manter o orzamento en Cultura e impulsar o sector, con imaxinación na procura de alternativas. Hoxe reiterámolo no IMCE.

É posible impulsar bolsas, axudas directas e políticas de apoio á creación en forma de residencias artísticas, adquisición de obra ou financiamento de procesos creativos a medio prazo. É posible apostar pola cultura dixital e mesmo pola dixitalización dalgúns espectáculos e foro para facelos menos dependentes das reunións masivas en recintos ou espazos públicos.

E tamén é posible impulsar alianzas entre o tecido cultural e outros sectores igualmente vulnerables, como pequeno comercio ou a hostalería, de xeito que unhas mesmas políticas vexan multiplicado o seu beneficio.

Finalmente, é posible dialogar co sector no seu conxunto, desde as creadoras e creadores até o persoal técnico, librarías, programadores… para escoitar o que teñen que dicir e recoller ideas. Hai moitas posibilidades alén de lamentar a pandemia e quedar de brazos cruzados, e aplicalas é urxente. 

A maioría dos contratos culturais, entre maio e agosto

O da cultura é un sector clave, en Galicia e na nosa cidade, non só pola súa forza simbólica, senón porque dá emprego a miles de persoas e centos de pequenas empresas. Pero tamén é un sector moi vulnerable, con salarios por baixo da media, elevada estacionalidade e unha alta porcentaxe de emprego autónomo discontinuo.

“Máis da metade dos contratos que se asinan ao cabo do ano no sector rexístranse xusto agora, entre o segundo e o terceiro trimestre, cando os eventos se van ver afectados polas medidas de distancia social ás que nos obriga a pandemia”, sinalou Iago Martínez. O impacto da crise vai ser grave, e a tarefa do Concello da Coruña ten que ser a de axudar a contelo.

Fagamos da Coruña un “porto refuxio” para a cultura na crise do COVID-19