O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía celebrou un encontro con entidades que traballan no ámbito da memoria democrática e comprometeuse a continuar o traballo tras catro anos perdidos
Iniciará o procedemento xudicial para recuperar a Casa Cornide, aplicará o informe do Instituto José Cornide, reactivará a Oficina de Atención ás Vítimas e daralle un novo impulso ao Consello Municipal da Memoria Democrática
Xan Xove, candidato á Alcaldía da Coruña pola Marea Atlántica, celebrou un encontro con diversas entidades que traballan no ámbito da memoria democrática, celebrado na Casa-Museo Casares Quiroga. Acudiron representantes da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, do Ateneo Republicano e de Refuxios da Memoria, ante quen o candidato se comprometeu a proseguir a retirada de simboloxía franquista da cidade tras catro anos perdidos. “Logo dun mandato sen avances, quero retomar o traballo de Xulio Ferreiro pola memoria democrática, comezando polo que recomenda o informe do Instituto Cornide, quitar do rueiro coruñés a Sergio Peñamaría de Llano, un probado colaborador da represión franquista”, explicou Xove.
Nesta xuntanza, na que compartimos impresións e escoitamos as preocupacións das entidades, trasladamos tamén o compromiso de presentar desde o Concello, coa mínima demora, o procedemento xudicial para recuperar a propiedade pública da Casa Cornide. Facelo foi a primeira encomenda que Xulio Ferreiro lle fixo ao Consello da Memoria Democrática o día da súa creación. Como lembra Xan Xove, “houbo avances, con valiosos informes de expertos que documentan a fraude de lei que a familia Franco cometeu para quedar coa Casa Cornide, e a declaración como BIC facilita o camiño, pero falta a decisión política que Benito Portela tivo en Sada con Meirás, a de abrir a vía xudicial. Farémolo nós”.
O candidato sinalou que “neste mandato puxemos todo da nosa parte para que Inés Rey cumprise os seus compromisos vinculados á creación da Concellaría de Memoria Democrática. Aseguramos fondos nos orzamentos, e pedimos a cambio un plan de traballo a catro anos e que se dotase de persoal esa área. Pero non se fixo nin unha cousa nin a outra”.
Os únicos avances salientables déronse, iso si, no campo da divulgación, con publicacións e exposicións que foron de interese, pero non houbo unha soa acción política. Mesmo se paralizaron as que xa estaban en marcha desde o pasado mandato.
Así, a retirada de simboloxía franquista incluso retrocedeu. O goberno de Inés Rey fixo por manter oculto o informe do Instituto José Cornide ao respecto, e cando foi dado a coñecer polos medios de comunicación, negouse a aplicalo e a divulgalo, a pesar de que llo requiriu o Pleno. Será a Marea Atlántica quen aplique as súas recomendacións, seguindo o avance que iniciou Xulio Ferreiro cando o rueiro coruñés perdeu o nome do asasino Millán Astray e gañou a Praza das Atochas, e que mantivo todo o seu mandato.
Ampliar a memoria democrática
Para recuperar o traballo realizado durante o goberno da Marea Atlántica, reactivaremos o Consello da Memoria Democrática, practicamente parado neste mandato e que non se reúne desde novembro de 2021. E impulsaremos a Oficina de Atención ás Vítimas, creada en 2018 e que hoxe se mantén coas constantes vitais ao mínimo, grazas só ao traballo da universidade. “Estaba chamada a ter un papel maior e ser máis accesible á cidadanía, non só para as vítimas da Guerra Civil. Reactivarémola, reforzando a colaboración coa UdC, abríndoa ao tecido asociativo e dándolle un papel proactivo ao Concello”, comprometeuse Xan Xove.
Finalmente, traballaremos na divulgación dos lugares e os relatos da memoria da cidade, non só nos vinculados á Guerra Civil e ao franquismo. A memoria democrática, a da loita polos dereitos e as liberdades, vai moito máis alá. E farémolo aproveitando as ferramentas tradicionais e explorando o campo que abre a realidade aumentada.