Saltar ao contido

Facemos un chamamento a reprogramar os actos cancelados, a adaptalos a formatos sen grandes aglomeracións e a  colaboracións con outros sectores afectados pola crise 

A Marea Atlántica insta ao goberno municipal a non esquecer ao sector cultural, un dos máis afectados pola crise do COVID-19, con milleiros de traballadores e traballadoras na nosa cidade e un dos que máis xenerosos está a ser durante o confinamento, poñendo en marcha un plan específico para apoialo. O executivo de Inés Rey debería comprometerse a executar o 100% do Orzamento previsto este ano para a cultura, reprogramando as actividades que se cancelen nestes días e adaptando se é preciso os seus formatos para evitar eventos masivos. Se fose necesario modificar as contas para reforzar os servizos sociais, hai outros gastos superfluos que redistribuír, antes de retirarlle apoio ao mundo da cultura.

É necesario convocar canto antes todas as subvencións e axudas previstas e resolvelas con axilidade, en programas como Cultura de Barrio, Xerminal ou Facemos Comunidade, para fomentar a creación artística e non recortar os recursos dispoñibles neste momento crítico.

Para compensar as partidas orzamentarias que non sexa posible executar, suxerimos abrir novas vías de colaboración co sector, como un novo programa de residencias artísticas, axudas á creación ou mesmo un plan de compra de libros en librarías locais, destinados ás bibliotecas municipais e aos centros públicos de ensino.

Estas medidas deberían coordinarse nunha Mesa de Diálogo Cultural, na que a Corporación municipal consensúe as actuacións con representes do sector, e difundirse a través dunha oficina de asesoramento que oriente sobre os recursos dispoñibles e trámites para solicitalos.

Colaboración co comercio, a hostalería e o turismo

Propoñemos, ademais, establecer xa liñas de colaboración entre a cultura e outros sectores afectados pola crise do COVID-19, como a hostalería, o comercio e o turismo, de maneira continuada no tempo e expandida pola cidade.

Para cando rematen as medidas de confinamento suxerimos a posta en marcha dun paquete de eventos culturais ao aire libre, en parques, prazas e rúas peonís, para actividades lúdicas que atraian visitas aos barrios. E abrirlle a porta a iniciativas innovadoras de colaboración co mundo empresarial, como demostra o proxecto Conexiones Improbables, desenvolvido en Gasteiz con éxito e recoñecido pola UE como boa práctica.

Daquela, superada a emerxencia sanitaria, será posible abrir unha liña de eventos culturais que teñan como escenarios os establecementos de hostalería e pequeno comercio da Coruña, con financiamento do Concello. E o impulso de proxectos de turismo local nos que artistas e creadores colaboren para dar a coñecer as outras Coruñas á propia veciñanza local. Estas medidas poden irse deseñando para a súa rápida execución no futuro, cando sexa posible.

Fronte aos ataques da ultradereita, queremos defender a importancia da arte e a cultura nunha sociedade democrática, aberta e diversa, como fonte de entretemento e de pensamento, vehículo de ideas e elemento fundamental da humanidade. Sen cultura, somos moito menos. Por iso as institucións teñen a obriga de coidar e promover a creación e desenvolvemento de iniciativas culturais, sen que iso implique desatender áreas críticas nestes momentos como os servizos sociais ou o fomento do emprego. Hai recursos no orzamento municipal para conseguilo, se poñemos o foco nas persoas e actuamos con prioridades claras.

A Marea Atlántica solicita que se execute o 100% do orzamento cultural no Concello da Coruña