Trátase cunha iniciativa dotada con 12.000 euros, para apoiar ata seis proxectos diferentes, aberta a todas as entidades sen ánimo de lucro da Coruña
Os fondos proceden do excedente salarial que os nosos cargos públicos doan para fins sociais, cumprindo co Código Ético da Marea Atlántica
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e o portavoz da nosa Coordinadora, Rodrigo Gil, presentaron hoxe a terceira edición da Xanela de Proxectos, unha convocatoria coa que destinamos 12.000 euros do excedente salarial dos nosos cargos públicos para financiar ata seis proxectos das entidades sociais da Coruña. “Un ano máis, cumprimos o mandato do noso Código Ético e, sumado ao traballo de María Pita, poñemos os nosos recursos a disposición do tecido asociativo. Para nós, é un motivo de orgullo”, afirmou María García.
Terán prioridade as iniciativas relacionadas coa emerxencia climática, o dereito á vivenda, a saúde pública e a saúde mental, os coidados, os dereitos civís, o fomento da cultura, a infancia e a xuventude ou a creacion de comunidade. Sempre co feminismo, a ecoloxía e a xustiza social como eixos transversais. A nosa portavoz convidou a todas as entidades sen ánimo de lucro da Coruña a participar e achegar as súas ideas e iniciativas.
Sumando os dous anos anteriores, a Xanela de Proxectos axudou xa a facer realidade once iniciativas de diversos colectivos, en áreas coma a inclusión de persoas migrantes, a atención a menores trans, a persoas con trastornos do espectro autista, o voluntariado en tempos da COVID ou a recuperación da memoria de barrios coma Palavea e a Agra do Orzán, entre outras. Mesmo apoiamos o traballo da ONG Aire en Atenas, con Elna Maternity Corps, un centro de acollida para mulleres refuxiadas embarazadas ou con bebés lactantes.
Facilidades nos prazos e nos trámites
Rodrigo Gil sinalou que o prazo para presentar proxectos comeza mañá, 17 de setembro, e estará aberto ata o 31 de outubro, cun prazo máis amplo que en edicións anteriores e tamén cun proceso máis sinxelo en canto a trámites, escoitando as suxestións das entidades que participaron en anos anteriores. As bases e o formulario para presentar propostas poden atoparse en mareatlantica.org/xanela-de-proxectos.
As iniciativas que se acheguen serán valoradas por un comité avaliador, pero será a Rede, a asemblea da Marea Atlántica, a que escolla definitivamente as gañadoras. O día 11 de novembro está prevista a publicación dos resultados definitivos desta convocatoria.
Gil detallou, ademais, que os fondos “proceden do excedente salarial dos nosos cargos no Concello e na Deputación, que cobran 35.000 euros anuais dentro dos 40.000 que marca o noso Código Ético, e doan o resto para poñelo ao servizo da veciñanza, nesta Xanela de Proxectos, ou na Oficina dos Dereitos, que teño a honra de coordinar e que leva xa dous anos en marcha, asesorando a persoas en situación vulnerable”.
Os prazos, en detalle
Data | Proceso |
16 de setembro de 2022 | Publicación da convocatoria |
Do 17 de setembro ao 31 de outubro de 2022 |
Prazo presentación online dos proxectos |
11 de novembro de 2022 | Publicación resultados |
Os comentarios están pechados.