Tal e como prometeu tería que convocarla para o 26 de outubro
Tras constituír a mesa o 29 de setembro, a instancia da Marea Atlántica, o concelleiro de Urbanismo prometeu unha segunda reunión este luns, aínda sen convocar
“Grazas ao traballo do mandato anterior, hoxe pode haber solución para que a xente de San Vicenzo de Elviña non quede sen casa. Convidamos a Inés Rey a facelo e respectar, por unha vez, a súa palabra”, di María García
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, insta ao concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, a cumprir a súa palabra e convocar para o luns 26 de outubro a segunda xuntanza da Mesa de Traballo do Plan Parcial do Ofimático, con presenza da veciñanza afectada de San Vicenzo de Elviña e os grupos da oposición. Comprometeuse a facelo o 29 de setembro, cando se constituíu este organismo, pero non se volveu saber máis.
“Darlle solución urbanística ao problema do Parque Ofimático, que pode deixar sen casa a varias familias de San Vicenzo de Elviña, é un dos compromisos que o PSOE asinou con nós para a investidura de Inés Rey, e imos esixirlle que o respecte. Non queremos que se repita o que pasou en 2014 co desaloxo de Varo e Isabel”, sinala María García.
Hai vías para a solución, recollendo o traballo que fixo o goberno de Xulio Ferreiro, co inicio da urbanización do barrio de Xuxán tras case 30 anos de parálise e problemas, e a eliminación da pasarela proxectada sobre a avenida da Vedra. “A situación é hoxe moito máis favorable para San Vicenzo de Elviña do que era en 2015, e o goberno municipal debería aproveitala para protexer este núcleo tradicional dun xeito definitivo. Convidamos a Inés Rey a voltar ás políticas progresistas e a cumprir, por unha vez, a súa palabra”, engade a nosa voceira.