Saltar ao contido

As recomendacións do informe sobre simboloxía franquista nas Coruña continúan sen cumprirse 

Ata hai un mes, a Alcaldía só executara o 8,7% do orzamento do Instituto Cornide, nunha clara mostra de desinterese pola entidade

O Instituto de Estudos Coruñeses José Cornide leva xa máis de dous anos sen dirección, tras a dimisión de Xosé Antón Fraga no verán de 2020. Dous anos nos que o goberno local amosou un absoluto desinterese polo traballo e as recomendacións desta entidade pública, nacida para estudar a historia, tradicións e cultura da Coruña. “Ante este inxustificable abandono, esixímoslle á alcaldesa que, na súa función de presidenta, convoque ao padroado e dea inicio ao proceso para escoller unha nova dirección”, reclama a nosa voceira, María García.

Este desinterese maniféstase de modo moi claro no ínfimo grao de execución orzamentaria do Instituto Cornide, vencellado á Área de Alcaldía. A 9 de setembro, só o 8,7% dos fondos previstos para este ano chegaran a executarse: nove de cada dez euros seguen no caixón. O noso grupo rexistrou unha serie de preguntas de resposta escrita, nas que reclamamos explicacións por esta situación anómala e polo incumprimento das recomendacións do informe sobre simboloxía franquista, coordinado pola historiadora Ana Romero Masiá. 

Lembremos que este informe, que recomenda retirarlle as honras e a presenza no rueiro a colaboradores do franquismo como Sergio Peñamaría de Llano, Alfonso Molina ou Pedro Barrié de la Maza, foi encargado polo propio Concello e entregado a finais de 2020, pero a alcaldesa mantívoo nun caixón ata que Radio Coruña fixo pública a súa existencia. Xusto un dos motivos que o goberno local emprega para non aplicar as súas recomendacións é, precisamente, que o Instituto Cornide ten a súa dirección vacante. Pero tampouco facilita a renovación.

Contraste absoluto co pasado mandato

A dimisión de Xosé Antón Fraga foi, hai máis de dous anos, un xeito de protestar polo abandono ao que Inés Rey e o seu equipo teñen sometido ao Instituto Cornide. Fraga fora designado como director polo Padroado da entidade en 2016, durante o mandato de Xulio Ferreiro e en substitución de Andrés Fernández-Albalat, hoxe tristemente falecido. Foi o inicio dun impulso ao Instituto Cornide, revitalizando o seu papel na gobernanza local. Unha situación que contrasta co abandono ao que está sometido agora, tan inxusto coma inexplicable.

A alcaldesa ten que convocar o Padroado do Instituto Cornide para iniciar a escolla da nova dirección tras dous anos sen ela