María García: “Urxe que A Coruña reclame con voz unánime os investimento que precisan a cidade e a súa área. Hai que corrixir estes presupostos no trámite parlamentario”
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, envioulles hoxe unha carta aos portavoces do PP, Rosa Gallego, e do BNG, Francisco Jorquera, cun convite a sumarse á solicitude dun Pleno Extraordinario no que “A Coruña fale cunha voz unánime e reclame a corrección destes orzamentos nos que Galicia e a nosa área metropolitana están desaparecidas e non contan para nada”.
A celebración deste Pleno Extraordinario foi acordada pola maioría da Corporación o 1 de outubro, grazas a unha moción da Marea Atlántica aprobada sen votos en contra. Tras dirixirlle onte unha carta á alcaldesa, sen resposta por agora, María García pídelles aos demais grupos da oposición, tamén moi críticos co proxecto de Orzamentos do Estado, que se sumen para facer posible que se escoiten as demandas da Coruña. É urxente se queremos chegar a tempo para as emendas en trámite parlamentario.
Como xa valoramos onte, as contas presentadas polo Goberno do Estado esquecen boa parte dos compromisos pendentes desde hai anos ou décadas: non se condona a débeda do Porto, mentres si se fai en Valencia; non hai tren ao Porto Exterior nin mellora do ferrocarril de proximidade; non hai investimento na Avenida de Alfonso Molina, nin partidas claras para a Intermodal ou a pasarela de Pedralonga… “É o momento de erguer unha voz unánime desde A Coruña e demandar do Estado os investimentos que precisan a cidade e a súa área”, conclúe María García.
Que non se esqueza a pasarela de Pedralonga
María García e a tamén concelleira Claudia Delso reuníronse hoxe coa Asociación Veciñal ‘Os nosos lares’, de Palavea, para analizar a situación do barrio e os investimentos que deixa pendentes o Estado no anteproxecto orzamentario que coñecemos antonte, a pesar de que a Delegación do Goberno prometeu que se faría en 2021.
Como di Garcia, “de confirmarse que non hai cartos para a pasarela de Pedralonga e que 2021 vai ser a enésima data incumprida para esta obra, estamos ante unha tomadura de pelo á veciñanza. Así llo trasladamos á asociación, xunto con todo o noso apoio nas súas reivindicación. É unha obra de 507.000 euros, catro pesos para o Estado, pero non se fai porque non hai vontade política. E sen ela a xente xoga a vida todos os días cruzando A Vedra para ir a compra ou ao centro de saúde”.