María García: “Inés Rey segue empeñada en gobernar cun orzamento de 2019, ignorando a crise que estamos a vivir. A 18 de febreiro, sen orzamentos nin novo plan de choque, presenta unha proposta insuficiente para as asociacións”
Hai un mes que a Marea Atlántica propuxo aumentar as contías dos convenios e subvencións a entidades sociais, culturais e deportivas, porque a necesidade é maior: a nosa demanda foi ignorada por completo
O goberno municipal da Coruña, a través do seu portavoz, José Manuel Lage, trasladounos hoxe, cincuenta días despois de iniciar o ano, a relación de convenios coas entidades do terceiro sector que pretende aprobar de inmediato, sen ningún tipo de negociación previa e sen o incremento de fondos que lle pedimos en xaneiro. Por se fose pouco, o edil de Facenda comunicounos que non está aberto a incorporar suxerencias da Marea Atlántica nin a explicarnos, malia a ser competencia plenaria, os criterios cos que se elaborou.
Estamos de novo ante unha tramitación exprés dun proxecto insuficiente, tanto nas contías como no destino dos fondos, que non se axusta ao tempo de crise que vivimos nin ás demandas das entidades sociais. “Tras dous meses agardando a que se abrise unha negociación, tal e como se acordara, atopámonos de novo coa política das présas e os feitos consumados. Non entendemos a que dedicou Inés Rey estes dous meses, ademais de a perder un tempo precioso e evitar calquera tipo de diálogo”, explica a nosa voceira, María García.
Un goberno que non vive en 2021
Os convenios coas entidades sociais, deportivas e culturais da Coruña caducaron o 31 de decembro de 2020, deixando a todo o terceiro sector sen saber que apoio vai ter do Concello nun ano moi duro. Isto ocorreu porque Inés Rey decidiu, unilateralmente, non elaborar un novo orzamento adaptado á emerxencia, pese a que toda a oposición lle está a ofrecer a súa colaboración. A 18 de febreiro, seguimos sen orzamentos e sen un novo plan de choque fronte á crise.
“Inés Rey segue empeñada en gobernar cuns orzamentos deseñados en 2019, e temos que volver pedirlle que faga o seu traballo. A proposta que nos trasladou hoxe podía estar aprobada o 1 de xaneiro, e non entendemos por que lles levou 50 días elaborala”, conclúe María García.