Saltar ao contido

A Marea Atlántica denuncia que ducias de entidades sociais e deportivas comezan o ano 2021 sen saber se van contar cun convenio do Concello

Este 1 de xaneiro caducan todos os convenios económicos asinados e, co orzamento prorrogado, os distintos colectivos están sumidos na incerteza

O PSOE prometeu negociar un modificativo para resolvelo, pero non fixo aínda nin a primeira chamada

O grupo municipal da Marea Atlántica denuncia que as entidades sociais, veciñais e deportivas da Coruña comezan o ano 2021 coa incerteza de non saber se contarán ou non cun convenio co Concello para poder desenvolver as súas actividades. Co cambio de ano, todos os convenios caducan de xeito automático e non hai partidas reservadas para asinalos de novo, dado que Inés Rey optou por enrocarse e prorrogar o Orzamento 2020, sen un mínimo intento de negociar unhas novas contas. 

“Será necesario poñer un parche en forma de modificativo de crédito para garantir que as entidades conten con apoio económico. Pero mentres non se resolva, non teñen garantías e non poderán planificar o seu traballo do ano”, explicou a nosa voceira, María García. E engade que “a única responsable desta situación é a alcaldesa, que opta por non sentar a falar dun Orzamento 2021 pese a que ten a toda a oposición pedíndollo. Esta é a primeira prórroga autoinducida na historia recente da Coruña”. 

Esta incerteza afecta tanto aos clubes deportivos e as asociacións veciñais como ás entidades do terceiro sector, que prestan apoio a persoas en risco de exclusión. O executivo local non só deixa sen gastar boa parte dos fondos previstos en promoción social, tamén dificulta que a cidadanía organizada cubra esas carencias. 

Lembramos, ademais, que o voceiro do goberno, José Manuel Lage, prometeu no Pleno do 3 de decembro que comezaría a deseñar un modificativo que cubra os necesarios convenios coas entidades. Pero, a data de hoxe, non puxo un só dato sobre a mesa nin fixo un intento de contactar. Como resume María García, “ao PSOE encántalle falar de diálogo, pero detesta exercelo. Estamos a ver un goberno en minoría absolutista, máis centrado nas loitas de partido que na cidade”. 

Ducias de entidades sociais e deportivas comezan o ano 2021 sen saber se van contar cun convenio do Concello