Rexistramos unha emenda para reasignar a Viraventos os fondos do convenio ao que renunciou SOS Racismo, e garantir que sigan a empregarse no traballo coas comunidades migrantes
O grupo da Marea Atlántica rexistrou hoxe unha emenda a un dos modificativos de crédito que o goberno municipal levará a Pleno o vindeiro luns, para destinar 13.750 euros a suplementar o convenio de colaboración coa entidade social Viraventos, que atende ás necesidades de persoas migrantes en situación de vulnerabilidade social.
Existe dispoñibilidade de fondos porque a asociación SOS Racismo renunciou a un convenio de 20.000 euros, debido á demora na súa tramitación. E segundo consta no expediente do modificativo, o executivo local destinará 6.250 euros a reforzar o convenio co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a atención de varios centros de día.
Quedan, polo tanto, 13.750 euros sen destino, e a nosa proposta é outorgarllos a Viraventos, por ser una entidade que traballa no mesmo eido que a destinataria orixinal do convenio: o apoio e asesoramento ás persoas migrantes que están en risco de caer na exclusión social. Porque a loita contra a desigualdade, a discriminación e o racismo debe ser sempre prioritaria nun goberno de esquerdas.