Saltar ao contido
Unidade de produción de biogás na EDAR Bens

Un equipo investigador conxunto analizará a viabilidade e os trámites necesarios para a creación desta entidade, froito do acordo entre o goberno local e a Marea Atlántica

O obxectivo do operador será acadar maiores cotas de benestar social dentro do actual contexto de transición enerxética

En cumprimento do acordado coa Marea Atlántica para impulsar novas políticas enerxéticas no marco da aprobación dos Orzamentos municipais de 2022, a alcaldesa, Inés Rey, asinou esta mañá un convenio co reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o da Universidade de Santiago, Antonio López, para a realización dun estudo sobre a viabilidade e os trámites necesarios para a creación dun operador enerxético municipal. 

O acordo ten por obxecto analizar a viabilidade e os trámites necesarios para a creación da nova entidade, que permitirá acadar maiores cotas de benestar social, contribuír a mitigar o cambio climático e reducir as situacións de pobreza enerxética, dentro do actual contexto de transición enerxética vinculado aos obxectivos da Axenda 2030. O Goberno de Inés Rey xa estableceu na súa Axenda Urbana a necesidade de loitar contra a pobreza enerxética, así como fomentar o autoconsumo e a disposición de enerxía accesible e non contaminante.

O 3 de decembro do 2021, o pleno do Concello aprobou un acordo de impulso á creación dun operador enerxético municipal, así como o encargo a Emalcsa da creación dun mapa das enerxías renovables. Para este fin, incluíuse no Orzamento municipal deste 2022 unha partida que permitise a realización deste estudo encargado á UDC e USC. O obxectivo é contar co mellor coñecemento experto dispoñible, dada a escaseza de experiencias existentes en materia de implantación de operadores eléctricos municipais. Todos estes avances levaron a cabo grazas á colaboración entre o goberno municipal e o grupo da Marea Atlántica.

“Os equipos de ambas universidades aportarannos os seus coñecementos en innovación e o seu asesoramento xurídico e legal para establecer o papel do Concello da Coruña no actual contexto enerxético global”, sinalou a alcaldesa tras o acto de sinatura do convenio. Nese sentido, o convenio establece que ambas universidades deberán establecer un contexto regulatorio amplo, identificando o encaixe deste novo operador na lexislación actual. Tamén deberán determinar as posibles funcións do operador, como poden ser a xeración propia de enerxía, a adquisición de electricidade no mercado maiorista ou a subministración de electricidade para autoconsumo municipal ou de terceiros. As universidades constituirán un equipo de investigación conxunto formado por expertos en Dereito Administrativo e Economía Financeira.

“Continuamos avanzando cara unha Coruña máis sostible e xusta. Desde o Goberno municipal actuamos atendendo o actual contexto enerxético e económico para mellorar a vida dos coruñeses e as coruñesas”, engadiu Inés Rey.

Pola súa banda, a voceira municipal da Marea Atlántica, María García, celebra este paso adiante cara a constitución dun operador enerxético municipal, “nun camiño que ten que seguir con fomento das enerxías renovables, coa atención á veciñanza e do emprego no sector, cunha aposta clara pola soberanía enerxética e a loita contra o cambio climático desde o ámbito municipal”.

Iniciativas en renovables

O Concello da Coruña ten dado pasos relevantes en materia de transición enerxética e renovables. Un exemplo de ditas políticas son os sistemas de coxeración nas plantas de Nostián e a Edar Bens, que produce biogás grazas ao tratamento dos residuos que chegan á planta, sendo a primeira estación depuradora de España en producir gas de uso comercial. Ademais, a EDAR ten tamén en marcha un programa para a produción de hidróxeno verde.

Ademais, o Goberno de Inés Rey está a licitar unha auditoría e certificación enerxética dos edificios e dependencias municipais, e por outra banda, xa se está a executar a monitorización enerxética de edificios da cidade, co financiamento a través do programa europeo EIDUS.

En materia de eficiencia enerxética o Concello está a executar a substitución da práctica totalidade das luminarias públicas da cidade, actuación que se está a levar a cabo grazas a un investimento de 12,6 millóns de euros procedentes de fondos europeos.

Asinado o convenio entre o Concello da Coruña e as universidades da Coruña e Santiago para estudar a creación dun operador enerxético municipal