Alberto Lema: “Non se lle poden pagar 900.000 euros a Vueling, retirar o seu avión con base na Coruña e eliminar os enlaces a Valencia e Bilbao: votaremos en contra”
Retirar a aeronave que opera desde Alvedro suporá a perda inmediata de 20 postos de traballo no aeródromo
A Marea Atlántica votará en contra da renovación do convenio entre Vueling e o Concello da Coruña, que se leva mañá ao Consorcio de Turismo. Como sinalou o noso representante neste organismo, Alberto Lema: “Non se lle poden pagar 900.000 euros anuais á compañía aérea por eliminar os enlaces a Valencia e Bilbao, reducir os voos a Barcelona e Sevilla, e retirar o seu avión con base en Alvedro”.
Lema insta ao goberno municipal a non asinar o convenio con Vueling nestas condicións, negociando coa compañía estes recortes. Máis aló da perda de oferta, as consecuencias vanse notar de xeito inmediato: a retirada do avión con base en Alvedro suporá a perda duns 20 postos de traballo en tripulación de terra. E perder un só emprego é unha traxedia coa crise que se está a desplegar.
“No pasado mandato reducimos o gasto público en convenios coas compañías aéreas, sen que os resultados de Alvedro se resentiran. Ao revés, o crecemento foi continuado ata bater marcas en 2019. Só mantivemos o de Vueling porque melloraba notablemente o servizo, pero non ten sentido facelo nesta condicións. En plena pandemia, hai mellores usos para os cartos públicos”, sentenciou o concelleiro.