Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Levaremos á Deputación Provincial unha moción para reclamar que se paralice a instalación de aeroxeradores ata ter un novo Plan Eólico de Galicia e se amplíe a Rede Natura

Alberto Lema: “Feijóo fixo unha lexislación a medida das grandes empresas. Conseguiu converter as enerxías renovables nun problema ecolóxico”

A Marea Atlántica leva ao Pleno da Deputación Provincial unha moción para instar á Xunta de Galicia a paralizar a proliferación incontrolada de novos parques eólicos no noso país. Como explica o noso voceiro provincial, Alberto Lema, “Feijóo fixo unha lexislación a medida para que as grandes empresas eléctricas se lacen a polo negocio do vento galego sen control. Conseguiu converter as enerxías renovables nun problema ecolóxico”.

Por iso, a nosa proposta é impedir a instalación de novos parques mentres non se elabore un Plan Eólico de Galicia (o actual non se toca desde 2002) e se amplíe a Rede Natura 2000 como leva anos esixindo a Unión Europea. “E, en todo caso, debe priorizarse a repotenciación dos aeroxeradores que xa existen antes de construír outros novos, e os parques pequenos e o autoconsumo”, explica Alberto Lema. Xusto o contrario do que está a facer Feijóo.

Parte fundamental do problema son as novas Directrices da Paisaxe, aprobadas en decembro, son un cúmulo de xeralidades onde non se contempla unha soa zona de exclusión para a instalación de aeroxeradores. Todo ao servizo dun modelo desarrollista que explota ata o vento.

Parques eólicos anulados nos xulgados

“Tan improvisada está a ser esta carreira que na fronte xudicial comézanse a ver os efectos, con tres parques anulados recentemente: Sasdónigas, Mazaricos e O Iribio, con  dúas contundentes sentenzas que van moito máis alá dos casos concretos citados, cuestionando a política ambiental e de desenvolvemento eólico da Xunta”, explica o texto da moción,.

Finalmente, o texto solicita que a Deputación da Coruña poña o seu servizo de asesoría xurídica ao dispor dos concellos que desexen denunciar a implantación abusiva ou prexudicial de parques eólicos no seu termo municipal. Agardamos que reciba o apoio da maioría do Pleno.

Contra o crecemento desmedido de grandes parques eólicos