Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “A Marea Atlántica é tamén unha reacción ante a precariedade laboral e o desemprego, que non son a prioridade para o PP de Negreira”

Na véspera do 1 de maio, o candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña remarca a aposta da plataforma cidadá polas políticas de emprego desde o Concello e critica o “triunfalismo inxustificado de Rajoy, Feijóo e Negreira en plena crise e emerxencia social”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, aproveitou a véspera do 1 de maio para defender “unha aposta polo emprego de calidade desde o Concello” e afirmar que unha das moitas razóns que explica o nacemento da Marea é a de reaccionar ante a precariedade laboral e o desemprego, que non son a prioridade para o PP de Negreira”. “En plena crise e emerxencia social resulta completamente inxustificado o triunfalismo de Rajoy, Feijóo e Negreira. No caso da Coruña, desde que hai catro anos o PP chegou ao Goberno local, a taxa de actividade reduciuse en case catro puntos e a de paro subiu case dous [de 58,8 a 54,9 e de 15,7 a 17,5 segundo datos da EPA]. Pero a eles só lles importan as contas das grandes empresas”, indicou Ferreiro, que sumou a este escenario “o fenómeno do traballo pobre: por primeira vez desde que estamos en democracia ter un posto de traballo non asegura poder desenvolver unha vida digna”.

“De cara ao 1 de maio nós denunciamos que aqueles dereitos polos que loitaron moitas persoas están a ser aniquilados polas elites económicas e financeiras coa colaboración dos seus servos nos gobernos”, afirma o cabeza de lista da Marea, que “asumindo que as competencias municipais son limitadas” chamou a “tomar en serio a loita contra o desemprego e a precariedade, que non parecen importar ao señor Negreira e ao PP, que mesmo deixou sen executar 1,3 millóns do orzamento para promoción de emprego. Non lles interesa a cohesión social”. Así mesmo, Ferreiro chamou á “unidade” como fórmula de reacción contra as desigualdades e propuxo profundar desde María Pita en fórmulas de creación de postos de traballo “no sector verde, no comercio de proximidade, na relación coa Universidade, na rehabilitación urbana ou no cooperativismo, no que o Concello debe axudar e non dirixir”.

Pola súa parte, a número dous da lista da Marea, Rocío Fraga, puxo énfase no desemprego e precariedade das mulleres: “unha de cada catro traballa a tempo parcial, o que significa nalgúns casos ingresos de 200 euros ao mes, e as mulleres tamén somos as principais demandantes de axuda social”. “O PP quérenos mandar de novo para casa, pero temos dereito a unha vida activa ao que non imos renunciar porque incluso forma parte da tradición desta cidade, como nolo lembra a memoria das traballadoras da antiga Fábrica de Tabacos”, engadiu, despois de facer referencia tamén a sectores especialmente afectados neste tempo como o téxtil ou o telemárketing.

Por último, a número catro da candidatura da Marea Atlántica, Silvia Cameán, falou das altas cifras de desemprego xuvenil “que intentan condenar á mocidade á maleta”. “Os poderosos condénanos a paro, precariedade e exilio, pero temos dereito e queremos vivir con dignidade. Non nos chegan as súas migallas, queremos o pan enteiro”, dixo. Durante a rolda de prensa, a Marea Atlántica tamén lembrou que o seu Programa Electoral inclúe a creación dunha Renda Social Municipal para cubrir os casos máis graves de pobreza que completaría os ingresos daquelas persoas en risco de exclusión e para a que destinaría uns tres millóns de euros -que mesmo podería ampliarse en caso de ser necesario- e podería beneficiar a unhas 1.200 familias, facendo unha media de ingresos de algo máis de 200 euros a cada unha. “Trátase dunha medida de urxencia, xa que a Marea o que defende é a aplicación de políticas sociais que poñan coto á desigualdade”, explica Xulio Ferreiro.

Contra o desemprego e a precariedade laboral