Saltar ao contido

O transfuguismo é unha estafa á cidadanía, que sempre combateremos. Coa democracia non se xoga

Acudimos ao xulgado despois de esgotar todas as vías no Concello. A alcaldesa negouse a poñerlle fin á situación ilegal do seu goberno, contraria ao Pacto Antitransfuguismo é á xurisprudencia do Supremo

O grupo municipal da Marea Atlántica interpuxo onte un recurso contencioso-administrativo contra o decreto da alcaldesa da Coruña que, desestimando sen fundamento un recurso de reposición presentado previamente, pretende blindar o nomeamento de Mónica Martínez Lema, a tránsfuga de Ciudadanos, como responsable da Área de Deportes. Á vista de que Inés Rey rexeita regularizar a situación do seu goberno, contraria á Lei de Bases de Réxime Local e ao Pacto Antitransfuguismo, terá que ser un xulgado o que resolva.

O transfuguismo é unha estafa a milleiros de persoas que votaron unha candidatura e logo observan como rouban os seus votos e quedan sen representación. A lei prohibe, entre outras cousas, incrementar o soldo de quen abandone a lista coa que se presenta ás eleccións ou darlle  responsabilidades de Goberno, xusto o que se fixo na Coruña. 

Tras as últimas sentenzas do Tribunal Supremo, estamos a ver ceses de tránsfugas en concellos e institucións de todo o Estado: Deputación de Ourense, Viana do Bolo, La Font de la Felguera, Colmenarejo, Tenerife… Pero Inés Rey teima en ir contra a legalidade. Avisámolo e o PSOE non quixo escoitar, polo que é a nosa responsabilidade ética actuar para que o Concello da Coruña recupere a normalidade democrática. 

Ante a situación manifestamente irregular na que se atopa o executivo local da Coruña, minando a reputación do Concello e a confianza da cidadanía nas institucións, e ante unha alcaldesa que parece crerse impune, cómpre pedirlle á Xustiza que se pronuncie.

Antecedentes

  • O 1 de xullo de 2020, Mónica Martinez anuncia a súa baixa voluntaria na formación coa que concorreu as eleccións, Ciudadanos. A Lei de Bases de Réxime Local establece para estes casos que os concelleiros pasan a ser “non adscritos” e non poden ver incrementados os seus dereitos económicos nin políticos nin asumir responsabilidades de goberno, entre outras limitacións de carácter exemplarizante fronte ao transfuguismo.
  • O 1 de setembro de 2020, Inés Rey nomea a Mónica Martínez como responsable de Deportes e súbelle o soldo de 44.000 a 60.000 euros. O 2 de outubro, a Marea Atlántica presenta un recurso de reposición no Concello, solicitando o seu cese inmediato e a devolución das retribucións percibidas indebidamente
  • O 26 de outubro unha sentenza do Tribunal Supremo confirma que os argumentos da reclamación da Marea Atlántica son válidos: a suba de soldo e a delegación de competencias a unha tránsfuga son ilegais, ademais da súa participación na xunta de portavoces, entre outras cuestións. O goberno municipal rexeita aínda así regularizar a situación. 
  • O 11 de novembro actualízase o Pacto Antitranfuguismo, o apoio do PSOE. A definición de “tránsfuga” faise aínda máis clara, para evitar subterfuxios: “Enténdese por tránsfugas aos e ás representantes locais, autonómicos ou estatais que, traizoando ao suxeito político co que se presentaron ás eleccións abandonaran o mesmo, foran expulsados ou se aparten do criterio fixado polos seus órganos competentes”.
  • O 1 de decembro chega, por fin, a resposta ao noso recurso de reposición, negativa e sen ningún fundamento. O 16 de decembro, unha nova sentenza do Tribunal Supremo confirma o xa sabido. Ante o inminente vencemento do prazo disposto pola normativa para a xudicialización do caso, que caduca o 2 de febriro, e vista a numantina teimosía da alcaldesa a regularizar unha situación manifestamente ilegal, a Marea Atlántica decide interpoñer un recurso contencioso-admnistrativo.

A Marea Atlántica leva a Inés Rey ao Contencioso por manter a unha tránsfuga como concelleira de Deportes