Saltar ao contido
Centro Cívico de Monte Alto precintado por COVID19

Ante os datos desta semana, na que se duplicaron os casos activos de coronavirus con varios focos, chamamos á responsabilidade cidadá e á maior implicación institucional

Desde a Marea Atlántica, queremos desexarlles en primeiro lugar unha rápida e completa recuperación ás persoas afectadas por COVID, a raíz dos novos contaxios coñecidos hoxe, no centro civico de Monte Alto, no matadoiro municipal e nun centro deportivo de Meicende, ademais doutros casos aínda pendentes de confirmar. A elas e a todas as persoas que se verán obrigadas a confinarse por mor do contacto, enviámoslles todo o noso apoio.

Facemos, tamén, un chamamento á responsabilidade e ao cumprimento das medidas sanitarias e de seguridade. A enfermidade segue entre nós, e o seu carácter altamente contaxioso fai que as accións dunha soa persoa teñan consecuencias en moitas. E o acontecido en Meicende, con 18 contaxios, é a enésima proba. Non esquezamos a necesidade de protexernos e protexer a quen convive con nós. Esta pandemia xa custou máis de 28.000 vidas.

Alén do lamentable episodio da viaxe do C. F. Fuenlabrada, autorizada por La Liga dun xeito neglixente e irresponsable, e agravando o problema coas súas actuacións posteriores, os datos da área sanitaria da Coruña son unha preocupante chamada de atención. Nunha semana duplicáronse os casos, con varios focos na comarca.

A responsabilidade e o sentido común son agora extremadamente necesarios, tamén desde as institucións. Saudamos, por iso, a rápida actuación do Concello da Coruña no precintado do centro cívico de Monte Alto e do matatoiro, e volvemos pedirlle que se esforce en garantir os medios para protexer as traballadoras e os traballadores municipais, especialmente en servizos vulnerables como as Escolas Infantís ou a Axuda a Domicilio, pero tamén facilitando o teletraballo do funcionariado.

O mesmo cómpre esixirlle á Xunta de Galicia, poñendo o foco no seu desastroso protocolo para a volta ás aulas en setembro. Resúmese en cero euros, ningún persoal novo e toda a responsabilidade para o profesorado e as familias. É intolerable.

Ademais das consecuencias sanitarias, a pandemia está a deixar unha crise económica e social que só comezou a desenvolverse, e que se agravará con cada rebrote. Traballemos xuntas para que o impacto sexa o menor posible.

 

A Marea Atlántica deséxalle unha rápida recuperación ás persoas afectadas polos contaxios de COVID na Coruña e a súa área