As dúas partes avanzan tamén na posta en marcha das axudas á creación e das residencias artísticas en espazos municipais
O executivo e a Marea Atlántica aprobarán a incorporación de 822.000 euros de remanentes do IMCE para reforzar a programación cultural
A Marea Atlántica e o goberno local desbloquean esta semana tres dos acordos para o Orzamento 2022 relacionados coas políticas culturais, que se materializarán este mes de xullo: a constitución do Consello Municipal de Cultura, as axudas á creación e o programa de residencias artísticas en instalacións do Concello.
Con este avance no cumprimento dos acordos garántese, ademais, a incorporación de 822.000 euros de remanentes do IMCE, aprobada hoxe en Comisión de Facenda cos votos de ambos grupos, e que será ratificada no Pleno deste xoves 7 de xullo. Estes fondos servirán para desenvolver e reforzar a programación cultural no que queda de ano.
O portavoz do Goberno municipal, José Manuel Lage Tuñas, destacou a importancia dos acordos “para apoiar a un sector estratéxico para a cidade e para potenciar e mellorar a oferta cultural para os cidadáns”.
Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica, sinala que se trata de medidas “que reforzan a relación do Concello co sector cultural da Coruña, e que o fan desde un enfoque de cooperación e proximidade, pensando en beneficiar ás artistas locais”.
Deste xeito, o Consello Municipal de Cultura xa conta cun regulamento e Estatutos definitivos, tras o proceso de achegas e diálogo co sector que comezou tras o acto de presentación no Teatro Colón no mes de abril. Este novo organismo será aprobado nun Pleno Extraordinario nas próximas semanas, un paso que non é obrigatorio (podería levarse a unha Xunta de Goberno Local) pero que permitirá que toda a Corporación teña a oportunidade de posicionarse e debater sobre o asunto.
O Consello Municipal de Cultura está pensado para darlle ás profesionais da cultura un espazo de diálogo con toda a Corporación Local, con voz e voto. Estará presidido pola alcaldesa e terá unha vicepresidencia escollida polo tecido cultural. O seu Plenario está pensado para ter unha representación ampla e aberta de profesionais e asociacións culturais, xunto a todos os grupos políticos con representación no Concello. Os seus Estatutos baséanse no doutros Consellos creados durante o pasado mandato, coma o de Inclusión e o de Saúde.
Axudas á creación e residencias artísticas
Neste mes de xullo está tamén previsto o lanzamento de dúas novas políticas culturais que forman parte do acordo entre a Marea Atlántica e o PSdeG-PSOE para a aprobación dos Orzamentos 2022, como son as axudas á creación e as novas residencias artísticas, ambas centradas en fomentar o tecido cultural local desde a proximidade.
As axudas á creación xa tiveran unha primeira fase piloto dentro do PRESCO, pero agora ven incrementada tanto a súa contía total, ata os 180.000 euros, coma o importe máximo que pode recibir unha persoa beneficiaria, ata 10.000 euros. Axilízanse tamén os trámites para solicitalas, buscando que sexan o máis útiles posibles no fomento da produción cultural na cidade da Coruña.
Ambos grupos acordaron tamén as bases para o programa de residencias artísticas en espazos e recintos municipais: o Centro Ágora, o Teatro Rosalía, o auditorio do Fórum Metropolitano e a Sala Túnel do Coliseum, para acoller iniciativas de artes escénicas, música, danza, maxia, novo circo… O seu orzamento chega aos 150.000 euros, que inclúen a produción artística e a cobertura de determinados gastos. Priorizarán a artistas residentes na Coruña, pero están abertas a proxectos desenvolvidos desde fóra da cidade.
Deste xeito, avanza a posta en marcha das novas políticas públicas previstas no acordo para os Orzamentos 2022, que incrementaron en 3,1 millóns de euros os fondos para a Área de Cultura.
Apoio á folga nas bibliotecas privatizadas
Doutra banda, a Marea Atlántica estivo hoxe na praza de María Pita apoiando ás traballadoras das bibliotecas municipais de xestión privada, na súa xornada de folga para reclamar que se lles pague a extra de xuño e se lles ofrezan garantías de que non se vai repetir esta situación de precariedade.
A nosa voceira, María García, sinalou que as bibliotecas son un servizo cultural básico, e “non pode consentirse que se xestionen desde a precariedade laboral, xa vemos as consecuencia de deixar que unha empresa como LTM xestione o público cunha oferta á baixa: que non é quen nin de pagar as nóminas”.
García pediulle ao goberno local que actúe e tome medidas canto antes, e garantiu que poderá contar cos votos da Marea Atlántica para adoptar unha solución valente: “No pasado mandato, Xulio Ferreiro tentou municipalizar toda a rede de bibliotecas, e atopouse coa oposición e o voto en contra o PSOE. Nós non actuaremos así”.