O grupo municipal solicita tamén a convocatoria do Consello da Memoria Democrática para avanzar na recuperación da Casa Cornide para a cidade da Coruña
O grupo municipal da Marea Atlántica insta ao goberno municipal a conservar o formato do Festival Noroeste tal e como se desenvolveu nas últimas edicións, co que se converteu nunha cita de referencia en todo o Estado, recoñecida en numerosas publicacións e programas especializados. Despois das declaracións do concelleiro de Cultura e Educación, Jesús Celemín, poñendo en dúbida o formato do festival, queremos lembrarlle que neste último ano reuniu a 100.000 persoas e consolidou a súa identidade: actuacións deslocalizadas en diferentes puntos da cidade e maioritariamente gratuítas, mestura de estilos en escenarios diversos, destacada presenza de mulleres e respecto escrupuloso polos dereitos laborais.
O Noroeste, tal e como foi orientado desde 2016, situou A Coruña no mapa dos festivais de verán e fíxoo salientando os valores da cultura aberta, a diversidade e o feminismo. De seis concertos nunha fin de semana pasamos a unha semana con máis de 90 actuacións repartidas pola cidade, con máis de 75 bandas e 150 horas de música: un formato único, recoñecido e exitoso. Animamos ao goberno local a non dar pasos atrás neste sentido.
Recuperación da Casa Cornide
Do mesmo xeito, solicitámoslle ao concelleiro de Cultura que proceda a convocar canto antes o Consello Municipal da Memoria Democrática, constituído no anterior mandato, para avanzar canto antes na recuperación da Casa Cornide para a cidade da Coruña.
O inmoble, de gran valor histórico e patrimonial, foille entregado á familia Franco durante a ditadura cometendo unha fraude de lei, como demostra unha carta do secretario de Franco feita pública recentemente polo senador José Manuel Sande. Seguindo o camiño aberto polo Pazo de Meirás, é tempo de avanzar na recuperación do patrimonio de toda a veciñanza da Coruña, por dignidade e respecto á memoria histórica.
Lembramos, ademais, que o goberno local ten aínda pendente a constitución das comisións plenarias, tanto ordinarias como especiais, así como os consellos de administración das empresas públicas e outros órganos colexiados. Solicitamos a súa rápida posta en marcha para poder continuar co traballo político pendente.
Arquivo histórico e touradas
Nas súas intervencións, Jesús Celemín indicou o seu desexo de trasladar o Arquivo Histórico ao Centro Cívico da Cidade Vella. Aínda que o arquivo precisa, sen dúbida, ampliar as súas instalacións, o seu traslado debe ser estudado a fondo.
Doutra banda, nas declaracións do concelleiro Celemín, resulta tamén chamativa a súa equidistancia con respecto á celebración das touradas na Coruña. Lembrámoslle que a sociedade coruñesa deixou clara, con numerosas mobilizacións, a súa oposición maioritaria ao maltrato animal, polo que agardamos que o Concello da Coruña mantela o seu compromiso de non dar un só euro para evento nos que se pretenda facer un espectáculo do sufrimento de seres vivos.