Instamos ao goberno galego a dialogar e procurar alternativas con menos impacto ambiental, en vez de impor un proxecto de xeito unilateral
A obra proposta pola Xunta afectaría a duna de Santa Cristina, un ecosistema fráxil e no que habitan varias especies en perigo de extinción
O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou unha moción para ser debatida no vindeiro Pleno, este xoves 5 de maio, na que se lle reclama á Xunta maior transparencia e diálogo sobre o proxecto de construír unha pasarela a través da Ría do Burgo. “Unha infraestrutura desta magnitude non pode facerse de xeito unilateral, require un consenso estratéxico, especialmente porque se implanta nunha zona de alto impacto ambiental”, argumenta a nosa voceira, María García.
Segundo os plans que o goberno galego trasladou a través dos medios de comunicación, a pasarela construirase sobre a duna de Santa Cristina, un ecosistema fráxil e moi escaso no Golfo Ártabro, no que habitan varias especies ameazadas, como ten denunciado o Grupo Naturalista Hábitat.
Recoñecemos a necesidade para reducir o tráfico na ponte da Pasaxe, e para mellorar a seguridade dos desprazamentos a pé e en bici, pero non debería facerse cunha pasarela que non se axusta ao Plan de Ordenación do Litoral nin aos criterios de intervención nos ecosistemas duna-praia.
Máis diálogo e menos propaganda
Así, a nosa iniciativa insta á Xunta a dialogar cos concellos da Coruña e Oleiros; e a abrir un proceso de participación para que a cidadanía tamén poida formar parte da toma de decisións. Tamén a presentar publicamente un estudo coas alternativas á pasarela proposta, tendo en conta o impacto ambiental da obra. Finalmente, reclamámoslle ao goberno galego que escoite a proposta do colectivo ciclista Mobi-liza para construír un segundo nivel na ponte da Pasaxe e estude a súa viabilidade.
No texto da moción sinálase, ademais, o contraste entre a lentitude da Xunta para tramitar algunhas propostas de alta efectividade na mobilidade interurbana, coma a creación dunha autoridade única de transporte na área metropolitana da Coruña (apoiada por todos os Concellos) e a velocidade coa que se anuncia unilateralmente esta pasarela dentro da campaña de propaganda iniciada pola marcha de Feijóo.